consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Situación do ensino da lingua e da literatura galega na E.S.O.


Este informe é o resultado dunha investigación de campo realizada durante os anos 2005-2007 a partir dun convenio de colaboración entre o CCG e o Instituto de Ciencias da Educación da USC. O labor do Consello da Cultura Galega en relación co idioma galego estivo centrado preferentemente na súa situación social. Esta é a perspectiva acaída, tanto polo propio carácter da institución como organismo asesor e consultor dos poderes públicos galegos, canto porque as circunstancias históricas deste último cuarto de século obrigaban a prestarlle unha atención especial aos vertixinosos cambios sociolingüísticos que se estaban a producir. E este enfoque foi tamén o dominante no traballo que o Consello realizou orientado ao eido educativo, que se ocupou especialmente das dimensións de planificación, dinamización e normalización.
A preocupación que nos moveu a emprender o traballo que presentamos, e que coidamos que é amplamente compartillada, ten orixe na constatación de que os resultados obtidos a partir da introdución do estudo da lingua galega, e mesmo do galego como lingua vehicular, no currículo educativo son notablemente inferiores aos esperados e razoablemente esperables, cando menos no que atinxe ao incremento do uso do galego por parte dos e das estudantes. Obviamente, estes cativos resultados deben ser explicados pola confluencia de diversos condicionantes, uns de tipo lingüístico (nivel e tipo de competencia, grao de fluencia, etc.), outros de tipo comunicativo (o ensino da lingua está orientada á capacitación para o uso?), algúns máis de carácter actitudinal (falta de motivacións para o uso do galego) e aínda outros doutro tipo (como pode ser a escaseza de ocasións para a comunicación informal en galego).
O traballo que presentamos –e a investigación na que se apoia- atende de xeito particular e concreto a un dos aspectos que acabamos de evocar. A súa é unha orientación pedagóxico-didáctica, unha perspectiva insuficientemente atendida nos estudos relacionados coa lingua galega e que parece urxente abordar con achegas científicas e con debates profesionais.
Hoxe é un lugar común considerar que o traballo escolar sobre as linguas e coas linguas transcende o ámbito curricular para converterse nunha opción ideolóxica e nunha proposta de futuro colectivo. Confiamos en que os datos que se ofrecen neste informe, así como as análises e valoracións que os acompañan, sirvan para ampliar ese debate e axuden ás institucións educativas a tomar as decisións pertinentes.



Código QR para a descarga
Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria / Bieito Silva Valdivia (dir.) ; Pilar Buela Piedra, Xaquín Loredo Gutiérrez, M. Carmen Morán de Castro. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2008. — 332 p. ; 28 cm. — (Documentos e Informes ; 7) DL C 2406-2008. — ISBN 978-84-96530-62-1 1. Lingua galega-Ensino. 2. Literatura galega-Ensino. I. Buela Piedra, P. II. Loredo Gutiérrez, X. III. Morán de Castro, M. C. IV. Título