consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Situación e perspectivas sociolaborais dos técnicos de Cultura dos Concellos Galegos


Con este informe sobre a Situación e perspectivas sociolaborais dos técnicos de cultura dos concellos galegos ve a luz un novo volume da renovada colección Documentos e Informes do Consello da Cultura Galega.

Afóndase nos vieiros xa abertos no volume As políticas culturais nas sete principais cidades galegas. En efecto, a publicación que presentamos achégase á realidade sociolaboral do colectivo profesional de técnicos e animadores culturais en cada un dos concellos galegos.

Atopámonos ante un estudo estatístico. Ora ben, as enquisas desta obra non se conforman con amosarnos a situación actual destes profesionais, senón que nos achegan tamén as súas expectativas, reivindicacións e, xa que logo, suxestións para unha máis eficaz xestión cultural.

Así, a descrición e os cadros que ilustran esta obra amósannos unha actividade en exceso condicionada pola cor política do goberno local, o peso excesivo da compoñente burocrática, a polivalencia ou multifunción e unha significativa falta de información e comunicación entre técnicos, políticos e outros axentes culturais, amais de deixar constancia da necesidade de mellorar a calidade dos servizos e os aspectos formativos dos profesionais que se dedican á xestión cultural.

O informe constata a aparición do que cualifica como «nova era» na xestión cultural –que non aínda unha estratexia cultural definida–, logo dunha etapa de crecemento económico, fortalecemento institucional e expansión de servizos e infraestruturas. Por outra parte, os obxectivos da política e xestión cultural partirían das propostas que en 1976 fixo a Conferencia de Oslo (Consello de Europa) no tocante ás políticas culturais: preservar o legado e fomentar a acción creadora, garantir a todos o acceso á cultura e asegurar a todos a posibilidade de crear.

O Consello da Cultura Galega, na súa misión de recoller e sistematizar os datos que permitan coñecer a situación actual da cultura de Galicia, comprácese da aparición desta obra que, sen dúbida, ha de contribuír á mellora da xestión cultural dos entes locais.


Código QR para a descarga
Situación e perspectivas sociolaborais dos técnicos de cultura dos concellos galegos / Observatorio da Cultura Galega. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2007. — 73 p. ; 28 cm. — (Documentos e Informes ; 2) D.L. C-3953-2007 . — ISBN 978-84-96530-43-0 1. Xestores culturais-Galicia-Informes. 2. Galicia-Política cultural. I. Título. II. Serie: Documentos e Informes.