consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


Cultura Conciencia
ciclo | Dende o 30 de maio ao 8 de novembro de 2007
Información
Ao abeiro dun Convenio coa Dirección Xeral de I+D+i estase a organizar un ciclo de conferencias coordinado por Domingo Docampo baixo o eixo central das relacións entre a ciencia e a cultura. Así, a sostibilidade constitúe o fío condutor que permite unir reflexións sobre a física, a economía, a demografía ou a alimentación da man de expertos de recoñecido prestixio internacional que ofrecerán as súas perspectivas nas sete cidades galegas. Ademais e como colofón, están previstas catro palestras maxistrais en cada unha das universidades galegas impartidas por figuras representativas da cultura galega.

Dentro do ciclo Cultura Conciencia desenvolvido entre os meses de Maio e Novembro de 2007, amosamos as dúas visións sobre o cambio climático aportadas por Ignacio Pérez Arriaga, director da Cátedra BP de Desenvolvemento Sostible – Instituto de Investigación Tecnolóxica – Universidade Pontificia de Comillas e Eugenio Domínguez Vilches, catedrático na Universidade de Córdoba.
As conferencias de Pérez Arriaga de Fontes de enerxía para un planeta sostible, e a de Domínguez Vilches ¿Cambio climático?¿Esoterismo Global?¿Crisis global?, versan sobre o compromiso que deben asumir os diferentes países, as consecuencias e as medidas de adaptación ao xa inevitable cambio climático e tamén sobre a necesidade dunha investigación científica seria ao falar do tema. Aquí están dispoñibles as súas presentacións en PDF
Reflexións sobre a demografía no século XXI: retos globais, retos locais
Data de celebración: 2007-05-30 00:00:00


Anna Cabré, catedrática de Xeografía Humana da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), foi a encargada de abrir, con esta conferencia, o ciclo “Cultura conciencia” no Consello da Cultura Galega (CCG). Na súa intervención Anna Cabré, que é tamén directora do Centro de Estudios Demográficos da UAB, aludiu ao feito de que neste momento todas as consideracións demográficas están marcadas polos fenómenos da inmigración, circunstancia que, dixo, debe verse máis como unha oportunidade que como un problema.A conferenciante, que reflexionou sobre “a demografía no século XXI: retos globais, retos locais” foi presentada por Domingo Docampo, coordinador do ciclo de conferencias organizado polo CCG e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no marco das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (IN.CI.TE). Anna Cabré é experta en prospectiva demográfica e territorial e autora dunha extensa bibliografía na que destaca o libro “El sistema catalán de reproducción”. Entre as súas contribucións máis orixinais está a predición razoada dun aumento importante da natalidade nacional ou o estudo dos desequilibrios nos mercados matrimoniais como factor desencadeante dos ciclos demográficos.Actualmente ocúpase das análises demográficas complementarias en relación coas estimacións a medio e longo prazo da población española. A intervención de Anna Cabré realizouse xusto despois da inauguración do ciclo de conferencias "Cultura e Conciencia", da cal tamén poñemos á vosa disposición o audio correspondente. DATOS BÁSICOS Conferencia: Reflexións sobre a demografía no século XXI: retos globais, retos locais Santiago de Compostela, 30 de Maio de 2007, ás 19.00 h. Lugar de celebración: Salón de Actos do Consello da Cultura Galega
Ciencia, creatividade e cultura
Data de celebración: 2007-06-21 00:00:00


Pedro Etxenike, catedrático de Física de Materia Condensada, falou sobre "Ciencia, creatividade e cultura" nun relatorio presentado por Domingo Docampo ao que asistiron, o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato. Unha conferencia centrada nas conexións existentes entre a ciencia e a cultura dende a perspectiva da física, campo no que está especializado. En concreto, referiuse á creatividade existente nas formas de ver a ciencia, e o consecuente concepto estético que dela teñen algúns científicos, o que se reflicte en imaxes con beleza coma a creación do universo, as imaxes das galaxias, as formas fractais, as imaxes das estruturas máis complexas dos cristais, a estrutura do ADN, a luminosidade dunha tormenta, etc. Neste sentido, mencionou o que el denominou "a arte da creación científica", á cal contribúen os científicos coas súas ilustracións e infografías respecto ós diferentes procesos físicos. Pedro Miguel Etxenike Landiríbar é doutor en Ciencias Físicas, así como membro da Comisión Trilateral e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (csic). Dirixiu 24 teses de doutoramento e publicou máis de trescentos traballos en libros e revistas especializadas. Entre 1980 e 1984 desempeñou as carteiras de Educación e Cultura e a portavocía do Goberno vasco, e foi membro do xurado do Premio Príncipe de Asturias das Ciencias 2007. Entre outras distincións, está en posesión da medalla de ouro da Universidade do País Vasco e recibiu en 2005 o Premio Nacional Blas de Cabrera de Ciencias Físicas de Materiales y de la Tierra. DATOS BÁSICOS Conferencia: Ciencia, creatividade e cultura A Coruña, 21 de Xuño de 2007, ás 20.00 h. Lugar de celebración: Domus - Casa do Home
Ficha técnica
Lugar de celebración