consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


O bispo dos sen alma: Frei Rosendo Salvado (1814-1900), unha misión en Australia
exposición | Durante o 2000
Información
Hai agora cen anos da morte do padre Salvado, acontecida o 29 de decembro de 1900. Con ela pechábase unha época que, segundo un xornal australiano contemporáneo, “se viu marcada pola súa persoa” (West Australian Records, 5/1/1901) e na que se consolidou a presencia británica neste continente. O Consello da Cultura Galega quere aproveitar a ocasión dos cen anos do seu pasamento, para volver lembraralle ós galegos a obra do padre Salvado. Sobre todo o seu labor cultural cara ós aborixes, xa que aínda que toda a súa vida estivo movida polo seu credo relixioso e a súa obra foi sobre todo unha obra de fe, non se pode esquecer que o que hoxe nos chega con máis forza e pode ser mellor valorado pola sociedade actual é o seu fecundo e xeneroso empeño de trasmitirlles ós aborixes o mellor da cultura occidental. Unha cultura cun claro acento mediterráneo debedora de aprendizaxes en Tui, Santiago, Subiaco e Roma. Pero unha cultura que foi respectuosa ata a exquisitez coas tradicións locais que quixo preservar e integrar nun proxecto onde a convivencia das dúas tradicións fose unha realidade. O soño do padre Salvado só se cumpriu nunha pequena parte porque as poboacións aborixes, como ben se sabe, sufriron unha profunda erosión que as deixou reducidas a pequenos enclaves no bush ou ghetos marxinais nas cidades. Pero fica, ou debería ficar, para definitiva lembranza nosa a vida dun home que intentou unha obra de xigantes, mesmo unha tolería (todas as grandes epopeas teñen algo de tolería) nunhas terras situadas no outro lado do planeta, onde hoxe o nome de Salvado, un galego de Tui, pronúnciase con respecto e agradecemento
Ficha técnica
Ámbito
» Comisión de Acción Exterior (CCG)
Lugar de celebración