consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


Simposio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde
simposio | Do 10 ao 12 de xullo de 1997
Información
Acordouse dedicar este simposio á memoria de D. Xosé Filgueira Valverde, Presidente que foi do Consello, fortemente vinculado ós membros da Ponencia noutras diferentes institucións e, sobre todo, con fondos lazos persoais, e investigador -tan esplendidamente bo como en tantos outros eidos da nosa cultura- que nos deixou traballos sobre os mareantes da súa ben amada cidade. E aí, precisamente, en Pontevedra, a gran vila mariñeira de antano, situouse a celebración das xornadas, deixando un día para traballar na illa que vixía a bocana da súa ría, o baluarte de Ons. As datas do mesmo foron os días 10-12 de xullo de 1997. Invitouse a especialistas de toda España, incluídas, como non podía ser menos, Baleares e Canarias, de Portugal, de Francia, dos EE.UU., de Suecia... Acudiron os que puideron, e xustificaron a súa ausencia os poucos imposibilitados de facelo, facilitando mesmo nomes de colegas interesados en participar. E transcorreron os días traballando conxuntamente os especialistas e un público novel interesadísimo sobre case tódolos aspectos relacionados co mundo mariñeiro, desde unha análise da obra do profesor Filgueira ó estudio da familia, do traballo no mar, dos coñecementos empíricos, das crenzas, da relixiosidade, da arte popular, da musealización deste tipo de vida e cultura, da exposición etnográfica como punto de referencia comparativo de comunidades afastadas, de prácticas de pesca xa desaparecidas aquí, pero aínda vivas –posiblemente por pouco tempo- nas costas portuguesas, ou do papel da muller nas fábricas de conserva ata a territorialidade nos esquemas mentais dos pescadores.
Ficha técnica
Lugar de celebración