consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


Rosalía de Castro no SXXI. Unha nova ollada
congreso | De Febreiro a Xuño de 2013
Información

Co gallo da conmemoración en 2013 do 150 aniversario da publicación en Vigo de Cantares Gallegos, obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas, o Consello da Cultura Galega convoca este Congreso, que se realizará na sede da institución en Santiago de Compostela. Conta cunha programación presencial de conferencias e mesas redondas e con outra virtual, aberta a comunicacións libres.


O Congreso presencial desenvolverase en cinco xornadas mensuais, en sesións de mañá e tarde, entre febreiro e xuño, e contará coa participación tanto dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana coma dun número importante de investigadores máis novos. Todos eles achegarán olladas renovadoras dende distintos campos do coñecemento –historia da ciencia e do pensamento, migracións, ecdótica, historia da prensa, teoría da literatura, etc.–, coa vontade de que esa interdiscipinariedade nos permita acadar un coñecemento máis amplo e profundo. Os principais obxectivos do Congreso son:



  • Amosar a vixencia da obra de Rosalía no século XXI e alentar o seu aprecio por parte do público galego e non galego de todas as xeracións.

  • Acoller e poñer de relevo as novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do extraordinario pulo que para os estudos rosalianos supuxo o Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, que tivo lugar en 1985 e no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.

  • Estimular novas lecturas críticas da obra rosaliana para propiciar o avance do seu coñecemento.


O Congreso virtual
O Congreso terá tamén unha parte virtual aberta a comunicacións libres, coas mesmas liñas temáticas do Congreso presencial.