consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía
recital | Na Igrexa de San Domingos de Bonaval, venres, 7 de xuño de 2013 ás 17:30
Información

“As de cantar, meniña gaiteira; As de cantar que me morro de pena”. Así, con esta reivindicación do canto para acabar coa tristura, comezan os Cantares gallegos escritos por Rosalía de Castro en 1863 e pedra angular da nosa literatura. Rosalía, “con grande atrevemento”, tal e como recoñece no prólogo da obra, quere cantar a Galicia, a súa “infeliz patria” por todos aldraxada: “Cantos, bágoas, queixas, sospiros, seráns, romerías, paisaxes, devesas, pinares, soidades, ribeiras, costumes, todo aquelo en fin que pola súa forma e colorido é dino de ser cantado, todo o que tivo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, que chegase a conmoverme, todo esto me atrevín a cantar neste humilde libro para dicir unha vez siquera, e anque sexa torpemente, os que sen razón nin coñecemento algún nos desprezan, que a nosa terra é dina de alabanzas”. A arela de Rosalía de “reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo” fica nestas cantigas cheas de alegría, de retranca, de tormento e de saudade. O pobo apropiouse delas e deulles voz para convertelas no eco alegre e saudoso da propia Galicia. A do pasado. A do presente. A do futuro. Por iso, desta volta serán as voces da Galicia de mañá as que ergan o canto rosaliano na pedra compostelá coa actividade “No bico un cantar”. O acto —organizado polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia— consiste na interpretación de catro pezas musicais baseadas en poemas de Rosalía de Castro (Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra). Baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento musical do quinteto Hércules Brass, medio milleiro de nenas e nenos de entre 8 e 12 anos de conservatorios e centros oficiais de ensino musical de toda Galicia unirán as súas voces para homenaxear os 150 anos de Cantares gallegos da autora padronesa.


Logo dos ensaios no seu centro de ensino e dun ensaio xeral conxunto na Cidade da Cultura de Galicia, van cantar na praza da Quintana de Santiago de Compostela, o espazo polo que tantas veces camiñou a propia Rosalía. E, seguindo coa súa encomenda, “Que así mo mandaron, Que así mo dixeron… Xa canto, meniñas, Coidá que comenzo…”.


Maís información


Ficha técnica
Dirección
» Maximino Zumalave Caneda
Participante
» Javier González Borrajo
» Esteban Méndez Chaves
» Martín Naveira
» Rodrigo Rodríguez Rodríguez
» Alejandro Vázquez Lamela
» Víctor Manuel Vilariño Salgado
Presenta
» Fina Casalderrey
Organiza
» Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
» Consello da Cultura Galega
» Fundación Cidade da Cultura
Lugar de celebración

LUGAR
Igrexa de San Domingos de Bonaval
Campo de San Domingos de Bonaval
15703 Santiago de Compostela