consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


Galicia: O sorriso de Daniel
exposición | Rosario (Arxentina), do 6 de marzo ao 31 de marzo de 2008
Información
Galicia, o sorriso de Daniel é unha exposición promovida polo Consello da Cultura Galega que ten a misión de proxectar cara ao exterior a riqueza e diversidade da cultura galega en calquera das súas manifestacións. Foi concebida como unha actividade de divulgación e espallamento da riqueza cultural de Galicia dirixida de forma preferente a galegos que moran fóra de Galicia ou a non galegos que teñan interese pola cultura galega. O seu fío argumental está encomendado a dúas figuras: a estatua do profeta Daniel no pórtico da Gloria da catedral compostelá e á figura de Daniel Castelao, que representa un dos máis sólidos reforzos por construír a identidade cultural e política de Galicia no século XX. O obxectivo da exposición é captar a atención do visitante sobre a condición de Galicia como unha nación-cultura dentro dun universo cultural máis amplo como é o mundo occidental.

O formato é o propio dunha exposición itinerante e o guión expositivo está estruturado en cinco bloques temáticos dedicados ao espazo físico e humano, á evolución histórica, lingüística e literaria e ámbitos de produción tradicional e á cultura nos que agroman xunto cos novos eixos económicos e institucionais sobre os que se proxecta o futuro, e finalmente, á condición de Galicia como “porto e porta”, en relación aos procesos de mestizaxe cultural dos que son representativos o Camiño de Santiago e os fluxos migratorios tan determinantes para a evolución do noso país nos últimos séculos.

Ficha técnica
Ámbito
» Comisión de Acción Exterior (CCG)
Lugar de celebración
Centro Cultural Parque de España (Embaixada de España en Argentina) de Rosario