17.30 horas
Presentación
Iago Seara, coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG
Rebeca Blanco-Rotea, arqueóloga e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG
17.45 horas
SESIÓN DE RELATORIOS
Un patrimonio en terra de ninguén. As igrexas altomedievais de Galicia, entre arqueoloxía, historia e arte
José Carlos Sánchez Pardo Historiador, investigador Ramón y Cajal da Universidade de Santiago de Compostela.
Nesta intervención presentaremos as bases, desenvolvemento e primeiros resultados do proxecto europeo Early Medieval Churches: History, Archaeology and Heritage (EMCHAHE), desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela. Por unha banda, queremos amosar o potencial científico dun tema pouco explorado e necesitado dunha renovación metodolóxica, como son as igrexas altomedievais, que ademais, pode ofrecer moita información sobre as sociedades que habitaron en Galicia entre a fin do mundo romano e a consolidación do feudalismo e a arte románica (séculos V-XI). Por outra banda, pretendemos subliñar e promover un debate sobre o rico patrimonio que os restos destes edificios (moito máis numerosos do que tradicionalmente se considerou) supoñen na Galicia dos nosos días. Trátase dun tema problemático pero de grande interese e potencial que merece unha revisión máis alá do puramente académico.
Técnicas de datación absoluta aplicables á datación de edificios históricos: igrexas medievais de Galicia no marco do Proxecto EMCHAHE
Jorge Sanjurjo Sánchez Biólogo, Instituto Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña.
A reconstrución da historia dun edificio, polo menos dalgunha das súas fases construtivas, representa unha tarefa difícil, que moitas veces require o emprego de técnicas instrumentais de datación absoluta. Se ben existen múltiples técnicas aplicadas á xeoloxía, o seu número redúcese ostensiblemente cando se aplican á arqueoloxía e aínda máis á datación de edificios ou materiais de construción. Con todo, nos últimos 20 anos producíronse importantes avances neste uso das técnicas, pero a maioría son aínda pouco coñecidas pola comunidade arqueolóxica. As técnicas de radiocarbono e luminiscencia foron as que tiveron máis éxito, podendo aplicarse ambas con diferentes propósitos, e as perspectivas futuras, sobre todo no caso desta última, invitan ao optimismo. No caso de Galicia, ambas as técnicas, pero sobre todo a luminiscencia, aplicáronse con éxito en morteiros de edificios altomedievais durante a execución do proxecto EMCHAHE.
19:15 horas
Debate