consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


Pascuala Campos de Michelena, as arquitecturas da vida
xornada | Xoves, 26 de outubro de 2017
Información

A organización xerárquica do espazo ten que ver con corpos invadidos.
A recreación do espazo ten que ver con corpos habitados.
(Pascuala Campos) 


 


Unha arquitectura para a vida e feita de espazos de paso, de encontro e lugares para a intimidade. A obra de Pascuala Campos está tecida así e a súa resulta ser unha actitude revolucionaria nun mundo de xerarquías espaciais no que as mulleres poucas oportunidades tiveron de construílo. 


Pascuala Campos forma parte do conxunto de mulleres que, desde os anos 70, traballan e reflexionan sobre a arquitectura construída, introducen a perspectiva feminista, analizan en clave de xénero os lugares que habitamos. Asentada en Galicia desde os anos 60, é pioneira na incorporación da perspectiva de xénero á docencia neste campo. Primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das escolas de arquitectura españolas, participou no Seminario Permanente Mujer y Ciudad, no que codirixiu, entre outros, o curso sobre "Urbanismo y Mujer. Nuevas visiones del Espacio público y privado".


Con esta xornada, a Comisión de Igualdade quere recoñecer o labor de Pascuala Campos e con ela o das mulleres que, na arquitectura e no urbanismo, están a suscitar novos campos de reflexión e acción, outros lugares para a vida.