consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


25 anos do Consello da Cultura Galega
actividade institucional | Durante todo o 2008
Información
O ano 2008 sinala os primeiros 25 anos do Consello da Cultura Galega, institución emanada do Estatuto de autonomía e, polo tanto, inseparable na súa dinámica do marco institucional autonómico no que está inserido. Foi creado por lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo) para a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego e con recoñecida capacidade de iniciativa, investigación e organización.
O marco autonómico abriu un período de fondas transformacións, tamén en materia cultural, ás que o Consello contribuíu desde a súa función de alta asesoría dos poderes públicos e tamén desde a realización de diferentes actividades e iniciativas.
Acto de clausura
Data de celebración: 2009-07-09 00:00:00
A cultura galega é o tesouro que debemos coidar, acrecentar e transmitir, comezando polo impagable recurso da nosa propia lingua.
Francisco Díaz-Fierros Xosé Henrique Monteagudo Alberto Núñez Víctor Manuel Vázquez Ramón Villares Alfonso Zulueta
O Consello da Cultura Galega (CCG) culminou o programa de actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) cun solemne acto presidido polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se referiu ao CCG como “unha institución determinante e central para a cultura do país”. A sesión contou tamén coas intervencións de Ramón Villares, presidente; Alfonso Zulueta de Haz, expresidente; Victor Manuel Vázquez Portomeñe, conselleiro de Educación e Cultura da Xunta en 1983, e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, membro do primeiro plenario. A conmemoración dos 25 anos da institución celebrouse baixo o lema CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS, e incluíu diferentes actividades, entre as que destacaron seis foros de debate e unha exposición que está a percorrer as principais cidades de Galicia. O solemne acto que clausura os actos conmemorativos dos 25 anos do CCG reuniu unhas cento cincuenta persoas e, ademais das intervencións referidas, e a entrega das insignias do Consello aos antigos membros do Plenario, incluíu un recital de violín e piano. Pedro Rodríguez (violín) e Maximino Zumalave (piano) interpretaron “Preludio e allegro”, de Fritz Kreisler e “Romance”, de Andrés Gaos. O acto contou coa presenza de autoridades e personalidades, entre as que cómpre salientar a: Pilar Rojo, presidenta do Parlamento; Antón Louro, delegado do Goberno; Benigno López, Valedor do Pobo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Carlos Varela, fiscal-xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Antonio López Díaz, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia; María Teresa Conde Pumpido, presidenta do Consello Consultivo de Galicia; os ex-presidentes da Xunta, Gerardo Fernández Albor e Emilio Pérez Touriño, ou José Manuel Balseiro, Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia. DATOS BÁSICOS Acto de clausura da celebración dos 25 anos do Consello da Cultura Galega Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009 Lugar de celebración: Salón de actos do Consello da Cultura Galega
Ficha técnica
Lugar de celebración