consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


SINOPSE:
No ano 1939, a Brea era unha das grandes minas de volframio activas a nivel mundial. Axentes aliados e alemáns releaban pola compra do “ouro negro”, do mineral estratéxico para o armamento da II Guerra Mundial. Isto xera unha febre mineira que ocupou miles de homes e mulleres na súa procura. Fálase de arredor de 6000 persoas traballando na zona. O prezo de até 200 pesetas quilo no mercado do estraperlo explicaría esta afluencia.
Ás mulleres non se lles permitía traballar nas galerías nin na fábrica, mais, contratadas pola empresa concesionaria, fixeron traballos auxiliares como lavado e separación do mineral. Ademais, atendendo as propias testemuñas, ponse en relevo que son moitas as que van desenvolver unha importante actividade vinculándose en cuadrillas de aventureir@s, nas concesións independentes, nos equipos de recuperación e participando tamén nas redes de estraperlo do mineral. Asemade a riqueza e as necesidades da mina requirían que as mulleres se implicasen tamén no traballo e xestión de tabernas, salóns de baile e casas de xantar, do alugamento de espazos de vivenda, cuartos e hostais para pasar a noite, etc. Actividades concentradas con frecuencia no “bairro de madeira”, próximo á entrada da mina. Cómpre salientar, tamén, a presenza dun gran número de presos da represión franquista traballando na mina e a presenza de grupos da guerrilla antifranquista e do Partido Comunista, que, na clandestinidade, van ter unha importante actividade na zona.
A construción do poboado mineiro do Fontao na década dos cincuenta do século XX e o feito de que a actividade mineira da Brea, aínda que se vai reducindo paulatinamente, se prolongue ata a década dos sesenta fan deste territorio da Brea unha fonte rica de testemuñas, de mulleres que coa súa memoria nos achegan a realidade da vida na mina, amosando particularidades concretas e ben diferentes do que vivían moitas outras na Galiza dos anos corenta, anos de represión, fame, miseria, escuros e de tanta dor. Agardamos que Memorias de vida en vivo. A luz do negro alumeen un mundo, o da minaría, onde as mulleres sempre fican ocultas.

CRÉDITOS
Directora: Encarna Otero Cepeda
Realizadores: Beatriz Pérez Mosquera, Manuel Gago Mariño
Fotografía e imaxe: Teresa Navarro Quinteiro
Testemuñas participantes: Juventina Blanco Rodriguez,Jose Parcero Silva,Celsa Vazquez Fernandez,Visita Perez Lopez, Pura Villanueva Varela

AGRADECEMENTOS:
Lourdes Mato Vilela
Asociación Veciñal Minas da Brea
Persoal responsable do mantemento da mina e da fábrica
Rosa Rodríguez Gómez
Pepe Montero López
Arquivo O Faiado da Memoria
Fondo José Luís Leal Soto

A luz do negro. O volframio da Brea e o poboado de Fontao

TEMÁTICAS

autores

Servizos