consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Atalaia. Arte contemporánea en Galicia


ATALAIA. Arte Contemporánea en Galicia é unha iniciativa para internet da Sección de Artes Visuais Contemporáneas –dentro da estrutura do Consello da Cultura Galega– aloxada no dominio www.culturagalega.org para ofrecer aos usuarios unha achega informativa e o máis global posible do contexto artístico actual en Galicia.

Unha ollada panorámica (ARTISTAS e OBRAS) sobre os creadores en activo máis representantivos, con obras e exposicións nos museos, centros de arte, fundacións, galerías e salas de exposicións máis salientables do sector, así como un vizoso arquivo cheo de contidos (EVENTOS), extenso pero, inevitablemente, selectivo, en continuo crecemento, que permitirá coñecer polo miúdo as actividades e programacións expositivas destas infraestruturas, antes mencionadas, e recollidas nun directorio (ESPAZOS). Tamén hai lugar para outros recursos (PUBLICACIÓNS), para poder coñecer o que se está a editar en Galicia no eido das revistas de arte, catálogos, libros e toda aquela información que facilite datos para a investigación e o coñecemento cara un futuro sempre in crescendo. Estas son as intencións e os ollares desde esta ATALAIA.

A estes alicerces principais, hai que engadirlle outras seccións, dinámicas e cambiantes: un destaque cada día, automaticamente aleatorio, dun artista na portada (HOXE e AGORA ...); os proxectos de comisariado online (ITINERARIOS) nos que diferentes profesionais do sector farán unha escolma de 10 obras para trazar un percorrido persoal, explicadas con máis detalle en formato audio; e tamén a información relativa á arte contemporánea (NOTICIAS), procedente do traballo da redacción de culturagalega.org. Así, ampliarase nun futuro próximo con outros capítulos sobre o resto dos profesionais e recursos do sector, ademais dunha xeira de enlaces e ligazóns de utilidade.

ATALAIA está aloxado dentro do prestixioso e eficaz dominio www.culturagalega.org que xa leva máis de dez anos de intenso traballo, informativo e de construción de soportais doutras seccións culturais: Audiovisual, Banda Deseñada, Literatura e Música. Daquela, entendemos que xa é momento de que as imaxes e as palabras da arte contemporánea que circulan por e desde Galicia, teñan tamén un punto de referencia e de encontro na rede.

O cerne deste soportal, acorde co seu nome, ATALAIA, tenta ofrecer unha ollada panorámica, mais tamén detallada e interrelacionada, de artistas, obras, imaxes, palabras, espazos, eventos, publicacións... O xermolo: a escolla dos primeiros cincoenta ARTISTAS para solicitarlles material –unha escolma de 10 imaxes de 10 das súas OBRAS, e información sobre eles mesmos– que pendurar na rede. Unha escolla feita a partir dos nomes máis activos e representativos nas coleccións dos museos, fundacións e particulares, así como nas programacións das galerías e salas de exposicións actuais. Os primeiros nomes xurdiron ao cruzar as listaxes propostas polos nove membros da Sección de Artes Visuais Contemporáneas. Nomes que aparecían, maioritariamente, repetidos. Deste xeito comezou á construción deste soportal, e baixo estes criterios e métodos de traballo continuará a medrar coas novas tandas de artistas de cara ás seguintes actualizacións que subir á rede. Con certeza, non estén todos os que son; pero, sen dúbida, todos os que están, si son. O potencial da rede para actualizar e aumentar material, permitirá ese crecemento e engadidos progresivos de acordo tamén cos recursos dispoñibles.

Dun xeito semellante, nas seccións de EVENTOS, PUBLICACIÓNS, ESPAZOS ou NOTICIAS, tentarase facer unha procura ampla, non exhaustiva, máis informativa que de opinión –para a que xa existen outras canles e sistemas–, que ofreza a contemporaneidade estética que se éstá vivir realmente en Galicia, que ás veces semella pasar desapercibida, ben sexa por unha fallida difusión, ou pola inexistente interrelación entre os diferentes axentes do sector e o colectivo público da sociedade.

Para rematar, queremos expresar o noso fondo agradecemento ás numerosas persoas e institucións que contribúen á construción e desenvolvemento deste soportal: desde as cuestións máis estruturais, informáticas e técnicas, ata todos aqueles que teñen aportado ideas, material, imaxes, documentación, contactos e folgos para seguir a experiencia de esculcar á arte contemporánea en Galicia desde esta pantalla.

Desde ATALAIA, moitas grazas a todos. #