queremos convidarte

a esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. O ano pasado a Rosalía de Castro, e este ano a Curros Enríquez, No bico un cantar conectará aos estudantes co mellor da nosa música e o senlleiro escritor celanovés.

PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos CMUS Profesionais da Coruña,
Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo e aos coros do CPI Tomás
de Lemos, Nenos Cantores da Capela Madrigalista e Orfeón Unión Ourensana.

Quinteto de metais

Hércules Brass

Hércules Brass somos 5 músicos, utilizamos 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trom-bón e tuba), procedemos de 3 provincias distintas, pensámolo todo 2 veces e temos 1 denominador común, adoramos a música! Dende ben pequeniños vivimos rodeados de músicos, a nosa primeira meta foi debutar coa banda de música da nosa localidade e dende aquela temos claro que queriamos dedicarnos á música.

Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, a Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formamos o noso proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado.

Grazas a esta dedicación actuamos en Galicia, Zamora, País Vasco, IX Curso Internacional Se-mana Musical de Salceda de Caselas, Festival Spanish Brass Alzira 2013, Festival Ticino Musica 2013 (Suíza). E cabe destacar a actuación como solistas coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia así como unha gravación en Radio Clásica no programa Música Joven.

Alejandro Vázquez, trompeta Víctor Manuel Vilariño, trompeta Javier González, trompa, Jordi Ortega*, trompa convidado Esteban Méndez, trombón Rodrigo Rodríguez, tuba

DIRECTOR

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

Foi invitado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e, dende 2010, é membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

A MANTEDORA

María Canosa

Nacín en Cee, unha vila pequena e tranquila onde os soños teñen milleiros de recunchos onde gar-darse. Estudei Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, na Universidade da Coruña, pero a miña mente sempre gardou un lugar privilexiado para as palabras.

Así, dende nova, fun creando unha biblioteca particular, cos libros Bramido Maino (Ed. O Cas-tro), A pedra de seixo (Sotelo Blanco) ou Á espreita na penumbra (Sotelo Blanco).

Na cabeza amoreábanse os animais e a natureza, que tiven que sacar fóra: Leo era un león (Ir Indo), Matías, un pito de campionato (Ed. Galaxia), Entre papoulas (Everest) e A tartaruga de Martiño (Everest).

Botei a voar estes soños, algúns axudados de papaventos: O papaventos de Laura (Deputación de Ourense. Premio Pura e Dora Vázquez, 2011). O mar arrola as miñas historias sempre: Xiana, a nena pirata (Everest Galicia), Viaxes de inverno (Everest Galicia), cheos de aventuras. Ata decidín facer acuario de papel, que puidese viaxar por todo o país, na compaña do Teatro dos Ghazafelhos, cun espectáculo sobre o libro Acuario (Embora). Por suposto, tampouco esquezo sorrir, coma no libro-CD Papá, que son os sorrisos? (Ed. Galebook). Na casa temos unha pequeniña que enche as paredes de ledicia, e ela axudou a escribir Ana xa chegou! (Everest).

Algunhas das obras recibiron algún premio: Fernández del Riego (1993), Premio Pura e Dora Vázquez (Deputación de Ourense, 2010), XV Premio Avelina Valladares (Concello da Estrada, 2011) e mencións especiais no Premio Arume de Poesía para Nenos (Fundación Neira Vilas, 2009 e 2013). Escribo semanalmente no diario La Voz de Galicia desde xullo de 2006 e xogo coas letras no pro-grama Verbas Van da TVG.

Pero o premio máis importante é que a vós, os nenos, vos gusten os contos.

As OBRAS

a ROSALÍA

Xosé Baldomir

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais) Texto de Manuel Curros Enríquez, música de José Baldomir Arranxo de Juan Durán (2014) para o Consello da Cultura Galega

Unha noite n'a eira d'o trigo

Xoán Montes

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais) Texto de Manuel Curros Enríquez, música de Juan Montes Arranxo de Juan Durán (2014) para o Consello da Cultura Galega

Os teus ollos

Xosé Castro "Chané"

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais) Texto de Manuel Curros Enríquez, música de Juan José Castro "Chané" Arranxo de Juan Durán (2014) para o Consello da Cultura Galega

Nouturnio

Xabier Comesanha

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais) Texto de Manuel Curros Enríquez, música de X. Comesanha. 2014 para o Consello da Cultura Galega

OS COMPOSITORES

Xosé Baldomir

Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino, da orquestra So-ciedad Bretón de los Herreros, dos coros e orquestra das Hijas de María e durante máis de trinta anos desempeñou a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega en 1941, onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

Xoán Montes

Compositor, organista e director de banda e orfeóns, naceu en Lugo en 1840. De formación musical autodidacta, estudou no Seminario da cidade dende 1850 a 1863, cando renunciou á carreira sacerdotal para dedicarse de cheo á súa vocación musical. Gran coñecedor da mú-sica popular e dos estudos de Inzenga, Antonio Noguera e Eduardo Ocón, colabora como fol-clorista na recollida de contos populares con Casto Sampedro e Felipe Pedrell, nos seus res-pectivos Cancionero musical de Galicia e Cancionero musical popular español. Pianista habitual nos círculos culturais de Lugo, en 1876 reorganiza, por encargo do Concello, a banda muni-cipal e crea en 1879 o Orfeón Lucense, que, xa en 1887, cambia o seu nome polo de Orfeón Gallego. A partir de aí comeza unha carreira brillante de recoñecementos -como compositor e como director do orfeón- e multiplícanse os premios en certames musicais de toda España. Como compositor, cómpre citar, ademais dunha prolífica produción relixiosa, as obras base-adas na música popular e nos poemas de autores galegos, entre as que salientan as Baladas gallegas para canto e piano, as seis alfaias máis estimables de Montes.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

Xosé Castro "Chané"

Xosé Castro, coñecido polo alcume de Chané, foi un dos máis importantes músicos galegos. Naceu en Santiago de Compostela o 18 de xaneiro de 1856. Virtuoso da guitarra e da cítara, compositor e catedrático de Belas Artes na Coruña, foi director do Orfeón Coruñés e máis tarde da coral El Eco. Con esta coral obtivo galardóns en Pontevedra (1880), Madrid (1887), Barcelona (1888) e Santander. Foi premiado tamén en París, onde o grupo que dirixía foi ga-lardoado no festival do Teatro Trocadero, en 1889. Malia o seu recoñecido prestixio, a cátedra que rexentaba na Coruña foi suprimida, razón que levou a Chané a emigrar. Deste xeito, chega a Cuba en 1893, cando tiña 37 anos. Na Habana foi profesor de música do Centro Ga-llego e dirixiu o orfeón Ecos de Galicia, co que acadou grandes éxitos. Na capital cubana Chané tivo unha estreita relación co poeta Curros Enríquez, de quen musicou varios poemas, entre eles o famoso «Unha noite na eira do trigo». Partícipe en distintas entidades galegas como a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia ou a Asociación Iniciadora y Pro-tectora de la Academia Gallega, recibiu o cargo de académico correspondente da Real Academia Galega.

En agosto de 1907, logo de moitos anos de ausencia, regresou á Coruña. A intelectuali-dade galega -entre eles distintos directivos de orfeóns- obsequiouno cun gran banquete de recoñecemento dos seus méritos artísticos. Chané viviu os seus derradeiros anos na Habana, onde seguiu ata os últimos días a escribir música, e nos seus momentos de lecer executaba os distintos instrumentos de corda. A súa derradeira obra de composición foi A lúa de Cangas, estreada polo Orfeón Ecos de Galicia nunha velada en honra ao poeta viveirense Pastor Díaz.

Castro Chané morreu na Habana o 27 de xaneiro de 1917. Os seus restos foron trasladados á Coruña, a onde chegaron o 4 de marzo e foron inhumados no cemiterio coruñés.

Fonte: Álbum da emigración, Consello da Cultura Galega

Xabier Comesanha

A súa formación musical tivo lugar en distintos conservatorios como o Superior de Vigo, Superior da Coruña, Superior Amigos do País de Santiago de Compostela, Superior de Coimbra, Escola de Altos Estudos do Porto, Conservatorio Profesional «Manuel de Falla» e Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela.

Durante a súa formación, que comeza da man de D. Xosé Iglesias Ramilo, traballou de forma continuada e participou en cursos de perfeccionamento con distintos mestres como Celso Otero, Pedro Iturralde, Francisco Martínez, Narciso Pillo, Jean Pennings, Daniel Deffa-yet, José Susi, Jos Wuytack, Miguel Sacristán, Rogelio Groba, Pedro Pinfano, The Rascher Quartet, Antón García Abril, Maximino Zumalave, Douglas Bostock, Georgui Fedorenko ou The Ámsterdam Quartet.

No terreo profesional destacan obras para distintos xéneros musicais tales como: Suite Galaica, Fantasía, Nocturno, Cen anos hai, El Herido, Tembra un neno no pórtico húmido, Ple-nilunio, etc.

Recibiu o Premio San Martiño no ano 1998 polo seu labor no campo da normalización lingüística e o Premio Avelina Valladares no ano 2004 en recoñecemento ao seu traballo en prol da cultura galega. No ano 2008 concedéronlle o Salmón de Ouro, máxima distinción que outorga o Concello estradense.

Lugar

Claustro Barroco do Mosteiro de San Salvador

6 de xuño de 2014 ás 17:30 horas
Celanova, Ourense