queremos convidarte

a esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia.

Programa de No Bico un Cantar 2016

PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos CMUS Profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo

Quinteto de metais

Hércules Brass

Hércules Brass somos 5 músicos, utilizamos 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trombón e tuba), procedemos de 3 provincias distintas, pensámolo todo 2 veces e temos 1 denominador común, adoramos a música! Dende ben pequeniños vivimos rodeados de músicos, a nosa primeira meta foi debutar coa banda de música da nosa localidade e dende aquela temos claro que queriamos dedicarnos á música.

Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, a Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formamos o noso proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado.

Grazas a esta dedicación actuamos en Galicia, Zamora, País Vasco, IX Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, Festival Spanish Brass Alzira 2013, Festival Ticino Musica 2013 (Suíza). E cabe destacar a actuación como solistas coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia así como unha gravación en Radio Clásica no programa Música Joven.

Alejandro Vázquez, trompeta; Víctor Manuel Vilariño, trompeta; Javier González, trompa; Esteban Méndez, trombón; Rodrigo Rodríguez, tuba.

DIRECTOR

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Dende 2010, é membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, e dende o ano 2014 é membro da Comisión Executiva. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

Xograres e trobadores

Martin Codax: Xograr, seguramente galego e probablemente natural da ría de Vigo ou proximidades, activo probablemente no terceiro cuartel do século XIII. Os cancioneiros recollen sete cantigas da súa autoría, tamén transmitidas polo Pergamiño Vindel.

Pero Viviaez: Xograr ou trobador, probablemente de orixe galega, probablemente activo no segundo terzo ou no terceiro cuartel do século XIII. Talvez identificable cun burgués denominado Pedro ou Pero Viveyz / Vivianis, documentado entre 1228 e 1267 en Caldelas e Sobrado de Trives. É autor de dúas cantigas de amor, outras dúas de amigo e catro satíricas.

Lourenço: xograr, probablemente galego, pero activo nas cortes rexias de Afonso III de Portugal e Afonso X de León e Castela no terceiro cuartel do século XIII. Estivo ao servizo do trobador Johan Garcia de Guillade, e é autor de dezaoito cantigas transmitidas polos cancioneiros, dúas de amor, sete de amigo e dez satíricas, entre as que salientan as tenzóns con Guillade, Johan Soarez Coello, Johan Perez de Avoin, e Martin Moxa, entre outros trobadores.

Afonso X: naceu en 1221 en Toledo, faleceu en 1284 en Sevilla, e reinou en Castela, León e Andalucía desde 1252. Gran impulsor da cultura literaria, mecenas entusiasta da lírica trobadoresca, que despregou o seu período do esplendor na súa corte literaria, é o responsable das Cantigas de Santa María e autor de corenta e catro cantigas profanas, a maior parte delas de carácter crítico ou satírico.

As OBRAS

POIS NOSAS MADRES. Estrea
Autor: Pero Viviaez | Compositor: Rogelio Groba

Música de Rogelio Groba (2016) para coro infantil e sexteto de metal encargada polo Consello da Cultura Galega para este concerto.
Revisión do texto por Henrique Monteagudo.

Poema
Partitura/Particelas

Canción do mariñeiro

Autor: Lourenço
Compositor: Héctor Villa-Lobos

Música de Heitor Villa-Lobos. Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2016).
Revisión do texto por Henrique Monteagudo.

Poema
Partitura/Particelas

ROSA DAS ROSAS

Autor e compositor: Alfonso X O Sabio

Versión para coro de nenos e sexteto de metais da Cantiga X. Arranxo de Juan Durán sobre unha harmonización de Mariano Pérez Gutiérrez para o Consello da Cultura Galega (2016).
Revisión do texto por Henrique Monteagudo.Versión para coro de nenos e sexteto de metais. Música de José Baldomir. Arranxo de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2013).

Poema Partitura/Particelas

QUANTO SABEDES AMAR - ONDAS DO MAR DE VIGO

Autor e compositor: Martín Códax

Versión para coro de nenos e sexteto de metais (segundo a transcripción de Higinio Anglés) de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2016).
Revisión do texto por Henrique Monteagudo.

Poema
Partitura/Particelas

MAIO LONGO

Autora: Rosalía de Castro
Compositor: José Baldomir

Versión para coro de nenos e sexteto de metais. Música de José Baldomir. Arranxo de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2013).

Poema Partitura/Particelas

OS COMPOSITORES

Heitor Villa-Lobos

Nacido en Río de Xaneiro en 1887, é o compositor de música clásica máis recoñecido de América do Sur. Comezou dende moi mozo a súa formación musical, co estudo e interpretación do violoncello e da guitarra. Antes de cumprir os vinte anos, decidiu abandonar a formación académica no Instituto Nacional de Música e comezou a traballar en bandas musicais que percorrían o Brasil. Nestas viaxes coñeceu e anotou moitos ritmos e temas populares que despois influirían notablemente nas súas obras. Tras a súa primeira viaxe etnomusical polos estados nororientais do Brasil compuxo, xa en 1909, os Cánticos Sertanejos. De regreso en Río de Xaneiro, proseguiu a súa formación co estudo dos clásicos. Dende 1923 ata 1930, Villa-Lobos viviu en París, onde entrou en contacto con grandes músicos como o pianista Artur Rubinstein ou o compositor de vangarda Edgar Varèse. De volta no Brasil, en 1931 foi nomeado director de Educación Musical e encargouse de organizar o sistema educativo musical do país. Posteriormente levou a cabo a fundación do Conservatorio Nacional.

O seu estilo compositivo nunca se circunscribiu a ningunha norma académica. A súa música sempre foi moi persoal, creando unha linguaxe propia e distinta, empapada da cultura popular e da música clásica europea, aínda que tamén utilizou elementos procedentes do impresionismo, expresionismo, clasicismo, música barroca ou técnicas politonais. Outra característica da súa obra, á parte das influencias adquiridas nas súas estadías en Europa e Estados Unidos, é a intención de plasmar os sons da natureza na música. Compositor prolífico, entre as súas composicións salientan 13 sinfonías, destacando as Bachianas Brasileiras e a Sinfonía nº 10, coñecida co nome de Amerindia.

Considerado o maior compositor do século XX no Brasil é, con Antonio Carlos Gomes, un dos representantes do nacionalismo musical brasileiro. O 5 de marzo, coincidindo coa data do seu nacemento, celébrase o Día Nacional da Música Clásica. Faleceu en Río de Xaneiro o 17 de novembro de 1959.

Rogelio Groba

Naceu o 16 de xaneiro de 1930 nunha pequena aldea da provincia de Pontevedra, Guláns. Os seus costumes e forma de vida agraria resumían aquela Galicia profunda: verdes e frondosas paisaxes en que relixión e superstición coexistían.


Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da Banda Unión de Guláns, na que comezou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección da agrupación.


Mentres tanto estudaba no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título superior en Composición, con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. En 1962 trasladouse a Suíza, país onde residiu sete anos e dirixiu numerosas agrupacións con grande éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a realizar catro «Festivais Groba» como recoñecemento do seu labor artístico.
De volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao tempo fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e fuga, Harmonía e Composición no devandito Conservatorio, que dirixiu durante 20 anos. Tamén fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.
Da súa discografía destacan a gravación feita pola Stuttgart Kammerorchester baixo a dirección de Maximino Zumalave de Cantigas de Mar e Intres boleses ou as realizadas pola London Symphony Orchestra: Gran Cantata Xacobea (dobre CD), co coro London Voices; Concerto para violín e orquestra nº 2 «Confidencias», con Pedro León como solista (nas dúas ocasións dirixida polo propio Groba); e Concerto nº 1 para cello e orquestra «Fauno», dirixido por Andrew Litton e con Mats Lidstrom como solista. Tamén cómpre salientar as feitas pola Orquestra de Cámara Galega do Concerto para dous violíns e orquestra «Arcaico» (no que actúan como solistas o seu fillo Rogelio e mais Javier Cedrón), do Concerto nº 2 para cello e orquestra «Añoranzas» (coa súa filla Clara como solista) así como da suite Intres boleses.


Autor de ensaios e libros como 252 alalás, dende 1990 dedícase só á creatividade musical, eido en que foi recoñecido co Premio Internacional de Composición Dante Luini (convocado pola Radio Televisión Suisse Romande, 1972), o Premio da Crítica Galega (1979), o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), o Premio Internacional de Composición Auditorio de Galicia (2004) ou o nomeamento como Fillo Predilecto da súa vila natal en 2005. É membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia de San Fernando de Madrid.
Dende 2002 preside a Fundación Rogelio Groba.

Fonte: Fundación Rogelio Groba.

Lugar

CANGAS, pontevedra

3 de xuño de 2016 ás17:30 horas