queremos convidarte

a esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia.

Programa de No Bico un Cantar 2017

PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Música de Vigo, Conservatorio Profesional de Música de Viveiro Escola Municipal de Música "O Pallarego" de Mondoñedo, Coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela, Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia

Quinteto de metais

Hércules Brass

Hércules Brass somos 5 músicos, utilizamos 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trombón e tuba), procedemos de 3 provincias distintas, pensámolo todo 2 veces e temos 1 denominador común, adoramos a música! Dende ben pequeniños vivimos rodeados de músicos, a nosa primeira meta foi debutar coa banda de música da nosa localidade e dende aquela temos claro que nos queremos dedicar á música. Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formamos o noso proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado. Grazas a esta dedicación, actuamos no 30 aniversario da JONDE, no Festival Spanish Brass Alzira 2013 e no Festival Ticino Musica 2013. E, como solistas, coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, coa Banda Unión Musical de Meaño,coa Banda Municipal da Coruña e coa Orquestra Sinfónica de Galicia estreando o espectáculo "Historia do Quinteto Triste e a Bruxa Anónima". Dende agosto de 2014, organizamos o Festival Hércules Brass Celanova.

Alejandro Vázquez, trompeta
Víctor Manuel Vilariño, trompeta
Javier González, trompa
Esteban Méndez, trombón
Rodrigo Rodríguez, tuba

DIRECTOR

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño. O seu compromiso coa cultura de Galicia transcende alén da música: Torrente Ballester envíalle unha obra "lamentando que no pueda ser una sinfonía" e a poetisa Eva Veiga escribe:

...Maximino,
que coas súas mans do silencio
arrinca
a máis pura poesía,
no espacio fuxidía
no corazón eterna.

É licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Dende 2010, é membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, forma parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música.

As OBRAS

¡NON O SEI! Estrea
Autor: Manuel Leiras Pulpeiro | Compositor: Nico Casal

Música de Nico Casal (2017) para coro infantil e sexteto de metal encargada polo Consello da Cultura Galega para este concerto.

Poema
Partitura/Particelas

NENIAE. Estrea
Autor: Aquilino Iglesia Alvariño | Compositor: Nico Casal

Música de Nico Casal (2017) para coro infantil e sexteto de metal encargada polo Consello da Cultura Galega para este concerto.

Poema
Partitura/Particelas

NO NIÑO NOVO DO VENTO

Autor: Álvaro Cunqueiro
Compositor: Luis Emilio Batallán

Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2017)

Poema
Partitura/Particelas

AS FROLIÑAS DOS TOXOS

Autor: A.Noriega Varela
Compositor: Eduardo Toldrá

Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2017).

Poema Partitura/Particelas

O NENO DURMÍA

Autor: Xosé Díaz-Jácome
Compositor: Antonio Paz Valverde

Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2017).

Poema
Partitura/Particelas

MAIO LONGO

Autora: Rosalía de Castro
Compositor: José Baldomir

Versión para coro de nenos e sexteto de metais. Música de José Baldomir. Arranxo de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2013).

Poema Partitura/Particelas

OS COMPOSITORES

Nico Casal

Nico Casal, pianista e compositor compostelán nacido no ano 1985. Despois de rematar o Grao Superior de Piano no Conservatorio de Vigo, decide centrarse na composición de música para cine e no ano 2011 múdase a Londres a estudar o Máster «Composing for Moving Images» na City University, cidade onde reside actualmente.

Ademais de películas e curtametraxes é o autor da música de campañas publicitarias para Estrella Galicia, Gas Natural Fenosa, Ford, Adidas ou o banco HSBC, entre outros. Gañador do Premio á Mellor Banda Sonora no Festival de Cans 2015 pola música da curtametraxe Unary, do Premio Jerry Goldsmith 2013 como Mellor Música Promocional por un traballo para o MAC da Coruña, e foi finalista nos Music and Sound Awards 2015 en Inglaterra pola música para a campaña internacional do banco HSBC.

Nico Casal é o compositor da banda sonora da curtametraxe Stutterer, dirixida por Benjamin Cleary en Londres, gañadora do premio Oscar 2016 á Mellor Curtametraxe de Ficción. O tema principal da banda sonora, Ellie, presentado nesta páxina a versión para piano só, marca o estilo intimista da curtametraxe. A historia céntrase nun rapaz tartamudo que, despois de ter unha relación online durante 6 meses cunha rapaza, tense que enfrontar ao momento en que ela suxire quedar en persoa por primeira vez. Dada a dificultade que ten el para falar coa xente, vai ter que tomar unha importante decisión e enfrontarse a todos os seus medos.

A música na curtametraxe intenta expresar o que o protagonista non pode coas palabras. Foi un proceso moi bonito e enriquecedor pero moi complexo ao mesmo tempo. Na curtametraxe non hai moitos diálogos e a música ten que levarte por todo o proceso que está pasando o rapaz, facerche sentir o que el está sentindo sen que te deas conta, e respectando o seu espazo como protagonista. O tema principal, «Ellie», xoga tamén coa esperanza, co valor que hai que botarlle os problemas, como o protagonista de Stutterer.

Actualmente está a compoñer a banda sonora da que será a súa cuarta película, La Enfermedad del Domingo, escrita e dirixida por Ramón Salazar e producida por Zeta Cinema.

Máis información: www.nicocasal.com

Fonte: Especial Vento que zoa en www.consellodacultura.gal

Antonio Paz Valverde

Antonio Ignacio Paz Valverde naceu no Porriño en 1937. Fixo os estudos no colexio dos Xesuítas de Camposancos (A Guarda), onde aprendeu as primeiras nocións de linguaxe musical e piano. Entre as lembranzas desa etapa quedou gravada «unha profesora de piano, da República Dominicana, que tiña un fillo no colexio, sentábase de cando en vez no piano do Centro e, despois de interpretar algunha sonata de Beethoven, escoitaba e corrixía a Antonio». Outro recordo, incrible tendo en conta a posterior evolución biográfica do músico, sitúa ao neno triste porque non foi admitido no coro do colexio: «A súa sobria timidez non lle permitía 'tirar' a voz. Non obstante, uns anos máis adiante, Antonio dirixía o Coro do Colexio; tería daquela 14 anos de idade». Un trazo da súa paixón pola música na adolescencia queda expresado na preferencia por mercar partituras e obras adaptadas para piano mentres a maioría da rapazada devecía polas aventuras dos cómics da época. Antonio sabía xa que Boileau, Erviti, Unión Musical ou Casa Beethoven eran as principais editoras de música e pasaba horas e horas das súas vacacións trasladando ao teclado os gráficos do pentagrama. Sobre os seus estudos musicais apuntouse: «É este un caso de case-autodidactismo excepcional». Sen desmentir a loanza implícita na definición, quizais cabería matizar que a ausencia de estudos non regulados, característica ademais dunha época con limitado acceso aos estudos oficiais, non determinou unha formación deficiente. No caso de Antonio, a súa obra fala por si mesma respecto a esta cuestión. Debemos engadir outras fontes de saber das que bebeu o futuro compositor, deixando por suposto un ambiente familiar no que a música enchía os silencios da casa coas excelentes voces das irmás, a afección guitarrística de Esteban, os estudos de órgano de Camilo. É probábel que a través de Camilo chegasen as leccións e habilidades de Antonio Uriz Susperregui, organista na catedral de Tui, mestre de capela en Ourense, profesor de música e director de coros, que chegará a colaborar na orquestración dunha das primeiras composicións relixiosas do porriñés. Tamén é coñecida a relación con Jesús Yepes Cote, director do Conservatorio de música de Vigo, con quen traballou dous anos, «dos que tirou gran proveito», ademais de perpetuar unha constante relación no acompañamento musical das estreas importantes que realizaba a Coral Polifónica.

Biografía elaborada por Xosé Ramón Paz Antón para https://antoniopazvalverde.wordpress.com/antonio-paz-valverde/

Eduard Toldrà

Vilanova i la Geltrú, 1895 - Barcelona, 1962

Compositor, violinista, director e docente. Considerado unha das figuras fundamentais da música catalá do século XX. Pertence á Xeración musical do 27, xunto con F. Mompou, R. Gerhard, M. Blancafort e R. Lamote de Grignon, e ó Grupo Compositors Independents de Catalunya. Estuda violín na Escola Superior Municipal de Música de Barcelona, a onde se traslada en 1905. A precaria economía da familia obrígao a compaxinar traballos ocasionais como violinista teatral e animador de bailes populares. En 1911 forma, xunto con outros tres músicos de corda, o Quartet Renaixement, grupo de cámara que supuxo un fito na escena musical catalá pola incorporación de grandes nomes no repertorio camerístico (Brahms, Mozart.). En 1921, disólvese por non existir unha demanda por parte do público. A partir deste momento, a actividade violinística de Toldrà é esporádica, ás veces como solista acompañando a P. Casals e Lluís Millet. En 1923, entra na Escola Municipal de Música de Barcelona como profesor de violín. Neste mesmo ano, casa con María Sobrepara e a partir deste momento firma as súas partituras autógrafas coa inicial «M». A súa actividade como director de orquestra iníciase en 1916 e ocupa o resto da súa vida (Orquestra Pau Casals, Orquestra Nacional e Orquestra Municipal de Barcelona, dende a súa creación, en 1944, e durante 18 anos, e onde desenvolve un traballo importantísimo).

O seu labor compositivo focalízase no período 1921-36. Dentro do movemento artístico do Noucentisme, elabora un estilo cosmopolita pero seguindo a tradición nacionalista catalá, cun selo moi persoal e que se mantén ao longo da súa traxectoria. Destaca como compositor de sardanas e, especialmente, de cancións, con letras de grandes poetas cataláns e mesmo galegos, como Noriega Varela. Entre as súas obras sinfónicas, Suite en Mi e Empúries son estreadas en 1921 e 1926, respectivamente, pola Orquesta Pau Casals.

Biografía: Diccionario de la música española e hispanoamericana / dir. Emilio Casares. Madrid, SGAE, 1999.

Máis información en: http://www.eduardtoldrasoler.info/

Xosé Baldomir Rodríguez

Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino; da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega en 1941, onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

Luís Emilio Batallán

Naceu en Santiago de Compostela no ano 1948. Médico, compositor, músico e cantautor, comezou a súa andaina musical nos anos setenta. En 1975 publicou o seu primeiro disco, Aí ven o maio, que axiña acadou gran sona e se converteu, con medio millón de copias vendidas, no disco máis vendido en galego. O disco inclúe poemas musicados de senlleiros autores galegos como Manuel Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro. Ballet da nena (1990) é o título do seu segundo disco e logo virían Eres un fármaco (1992) e Tu retrato (2007). Había que chegar (2014) constitúe o seu regreso musical ao galego logo dunha tempada dedicado a exercer a medicina. No ano 2016 edita o seu ata o momento último disco, 70 y 29 , que conta coa colaboración de músicos como Pablo Milanés, Joan Manuel Serrat ou Joaquín Sabina

OS ESCRITORES

ANTONIO NORIEGA VARELA

Antonio Noriega Varela foi un relevante investigador do noso léxico, así como xornalista e poeta, que pertenceu, no ámbito literario, á denominada "Xeración de antre dous séculos", protagonizando, xunto con Ramón Cabanillas e outros, a transición da poesía galega do século XIX á do século XX. Naceu en Mondoñedo o 19 de outubro de 1869. En 1901 empezou a exercer a docencia en Foz, onde entrou en contacto co agrarismo e co movemento anticaciquil da man de Antón Villar Ponte. Debido á súa vinculación coas actividades agraristas, foi trasladado forzosamente a Calvos de Randín, a carón da fronteira con Portugal, e, posteriormente, a Trasalba. Neste último destino trabou amizade con Otero Pedrayo e outros integrantes da xeración Nós. Con 57 anos instalouse en Abadín. En 1927 foi nomeado membro da Real Academia Galega e, un ano despois, deu ao prelo Como falan os brañegos, compilación de ditos, frases e adiviñas populares, froito da boa relación que Noriega mantiña cos labregos da zona. En 1930, por motivos de saúde, solicitou un traslado a Viveiro, o seu derradeiro destino como docente. En 1904 publicou o seu primeiro libro, Montañesas, que a partir da 3ª edición se titularía D'o ermo (1920) e que se vería aumentado ata a súa edición definitiva en 1946. Publicou tamén unha escolma de cantigas populares na honra da Virxe María: A Virxe e a paisanaxe (1913). Finou en Viveiro o 27 de marzo de 1947. Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1969.

Fonte: Real Academia Galega

MANUEL LEIRAS PULPEIRO

Naceu en Mondoñedo o 25 de outubro de 1854. Iniciou os seus estudos de Latín e Humanidades no Seminario mindoniense e obtivo o título de bacharel en Artes no Instituto de Tapia de Casariego. En 1870 desprazouse a Compostela para cursar a carreira de Medicina, que remataría en Madrid en 1877. Un ano máis tarde regresaba a Mondoñedo, xa como médico en exercicio. Deu a coñecer os primeiros versos no semanario O Tío Marcos da Portela en 1884. Os seus poemas, de poderosa sona xa naquel momento, levárono a ser nomeado, en 1905, membro da Real Academia Galega. Non obstante, a súa modestia fixo que renunciase, considerando que non reunía as condicións necesarias. Con todo, anos despois deixou como legado á institución unha importante colección de material sobre léxico, e tamén cantigas e refráns compilados ao longo da súa vida na comarca mindoniense. Na última volta da súa vida, Leiras Pulpeiro resultou premiado nos Xogos Florais de Vigo e publicou, en 1911, Cantares gallegos, o único volume completo do autor editado en vida. O 9 de novembro de 1912 falecía en Mondoñedo, a súa terra natal. Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1983.

Fonte: Real Academia Galega

AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO

Nado en Seivane de Vilarente, concello de Abadín, o 11 de xuño de 1909 e finado en Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1961, foi un poeta que soubo conxugar as tendencias literarias do seu tempo. Comezou formándose no Seminario de Mondoñedo, onde compuxo Señardá (1930), a súa primeira obra poética. Tras abandonar os estudos eclesiásticos e pasar unha tempada como docente en Vilagarcía, cursou a licenciatura de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista e comezou a participar activamente na vida cultural do país. En 1933 publicou o seu segundo libro, Corazón ao vento. Ao finalizar os seus estudos, converteuse en catedrático de Latín de ensino medio e impartiu esta materia en institutos de Lugo e Pontevedra, primeiro, e Santiago de Compostela, por último. Non será ata 1947 cando publique Cómaros verdes, obra que supón a súa madurez creativa e marca o inicio da literatura galega da posguerra. En 1952 regresou a Compostela, onde participou no agromar da xeración literaria das Festas Minervais e colaborou en diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos en La Noche. A madurez e personalidade do seu verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista, manifestáronse claramente nas obras De día a día (1960), Lanza de soledá (1961) e Nenias (1961). Tres anos despois do seu falecemento en 1961, publicouse, baixo o título Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou espalladas en diferentes xornais e revistas. Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1986.

Fonte: Real Academia Galega

XOSÉ DIAZ JÁCOME

Nacido en Mondoñedo o 19 de abril de 1910, foi xornalista e poeta. Pertencente á chamada Xeración de 1936, colaborou en distintos xornais e revistas como Resol, Alba, Céltiga ou Galiza. Fundou e dirixiu a revista Cadernos de Poesía Albor e foi redactor xefe de El Pensamiento Navarro e de Faro de Vigo, e director da revista Pregón e do xornal La Voz de Asturias. Publicou: Primeiras cantigas de amor (1936), con ilustracións de Vidarte e epílogo de Álvaro Cunqueiro, La huella del ángel (1943), Pombal (1963) e Muíño fidel (1983), con ilustracións de Felipe Criado. Foi nomeado Fillo Predilecto de Mondoñedo en 1973.

Fonte: Enciclopedia Galega Universal, Vigo, Ir Indo Edicións, 1999

ÁLVARO CUNQUEIRO

Nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, Álvaro Cunqueiro Mora-Montenegro é considerado un dos grandes autores das nosas letras. Foi un novelista, poeta, dramaturgo e xornalista que revolucionou o panorama literario galego co emprego dunha lingua culta e vangardista. Estudou no Seminario de Mondoñedo e logo o bacharelato no Instituto Xeral de Lugo. En 1927 matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela, carreira que abandonou para se dedicar ao xornalismo. En Mondoñedo participou do movemento editorial dos anos trinta, promovendo a aparición de varias publicacións vangardistas como Papel de color ou Galiza e iniciou, asemade, a súa obra poética con Mar ao norde (1932), Cantiga nova que se chama Riveira (1933) e Poemas do si e non (1933). Mediado o século publica o libro de poemas Dona do corpo delgado (1950) e tamén as súas obras narrativas máis importantes: Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre ou Si o vello Sinbad volvese ás illas. Asinou, ademais, varios libros de relatos ?Escola de menciñeiros e Xente de aquí e de acolá? e pezas dramáticas como O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (1958). Xa en 1960 exerceu como cronista oficial de Mondoñedo e, ao ano seguinte, retomou o xornalismo en El Faro de Vigo, unha publicación que chegou a dirixir entre novembro de 1964 e xuño de 1970. O 21 de abril de 1963 ingresou na Real Academia Galega co discurso Algunhas imaxinacións sobre tesouros. Nas últimas décadas da súa vida recibiu o Premio da Crítica española (1959), o Premio Nadal (1968) e o Premio Frol da Auga (1979). Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1991.

Fonte: Real Academia Galega

ROSALÍA DE CASTRO

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe. á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas ("Lieders" e "Las literatas"), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a padronesa afondou como poucos nalgún dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.

Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.

Fonte: Fundación Rosalía de Castro

Lugar

Praza da Catedral, Mondoñedo, Lugo

Venres, 2 de xuño de 2017 ás17:30 horas