queremos convidarte

O certame musical No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia que se celebra cada primeiro venres de xuño dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia.
Esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia.

Programa de No Bico un Cantar 2018

PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Música de Vigo e Conservatorio Profesional de Música de Culleredo, Conservatorio Elemental de Betanzos, Coro Cantábile da Coruña e Escola Municipal de Música de A Coruña.

Quinteto de metais

Hércules Brass

Hércules Brass somos 5 músicos, utilizamos 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trombón e tuba), procedemos de 3 provincias distintas, pensámolo todo 2 veces e temos 1 denominador común, adoramos a música! Dende ben pequeniños vivimos rodeados de músicos, a nosa primeira meta foi debutar coa banda de música da nosa localidade e dende aquela temos claro que nos queremos dedicar á música. Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formamos o noso proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado. Grazas a esta dedicación, actuamos no 30 aniversario da JONDE, no Festival Spanish Brass Alzira 2013 e no Festival Ticino Musica 2013. E, como solistas, coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, coa Banda Unión Musical de Meaño,coa Banda Municipal da Coruña e coa Orquestra Sinfónica de Galicia estreando o espectáculo "Historia do Quinteto Triste e a Bruxa Anónima". Dende agosto de 2014, organizamos o Festival Hércules Brass Celanova.

Alejandro Vázquez, trompeta
Víctor Manuel Vilariño, trompeta
Javier González, trompa
Esteban Méndez, trombón
Rodrigo Rodríguez, tuba

DIRECTOR

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño. O seu compromiso coa cultura de Galicia transcende alén da música: Torrente Ballester envíalle unha obra "lamentando que no pueda ser una sinfonía" e a poetisa Eva Veiga escribe:

...Maximino,
que coas súas mans do silencio
arrinca
a máis pura poesía,
no espacio fuxidía
no corazón eterna.

É licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Dende 2010, é membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, forma parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música.

As OBRAS

Esta edición non escolle poemas de ilustres figuras da literatura galega senón que presta atención a unha temática de tradición popular como son os Alalás. Trátase dun tipo de canto popular que carece dunha definición estrita e que ten unha gran presenza na nosa tradición musical. Caracterízase por ser unha peza de canto libre, sen estrutura fixa que tivo moita forza na tradición galeguista como canto melancólico do serán vencellado en moitos casos á xente moza

Alala de Camariñas

Autor:Popular
Compositor: Popular

Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2018)

Poema Partitura/Particelas

Alalá de Muxia

Autor:Popular
Compositor: Popular

Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2018)

Poema Partitura/Particelas

Alalá das Mariñas

Autor:Popular
Compositor: Popular

Versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2018)

Poema Partitura/Particelas

Alalá á vella maneira

Autor:Manuel Rivas
Compositor: María Teresa Bretal

Versión para coro de nenos e sexteto de metais. Música de María Teresa Bretal. Para o Consello da Cultura Galega (2018).

Poema Partitura/Particelas

MAIO LONGO

Autora: Rosalía de Castro
Compositor: José Baldomir

Versión para coro de nenos e sexteto de metais. Música de José Baldomir. Arranxo de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2013).

Poema Partitura/Particelas

A ESTREA

Como en cada edición deste certame estrearase unha peza encargada expresamente para a ocasión. Desta volta será o "Alalá á vella maneira" de Manuel Rivas con música de Teresa Bretal. É a primeira ocasión en que neste certame se musica a obra dun autor vivo.

Manuel Rivas
Escritor

Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de vinte linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo.

Como narrador ten publicado: “Todo ben” (1985); “Un millón de vacas” (1989), Premio da Crítica Española; “Os comedores de patacas” (1991); “En salvaxe compaña” (1994), Premio da Crítica Galicia; “Que me queres, amor?” (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; “O lapis do carpinteiro” (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); “Ela, maldita alma” (1999); “A man dos paíños” (2000); “As chamadas perdidas” (2002); “Contos de Nadal” (2003) reeditado na colección Fóra de Xogo como “Madonna e outros contos de inverno” (2015); “Os libros arden mal” (2006), Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galega, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; “Todo é silencio” (2010), “As voces baixas” (2012) e ''O último día de Terranova'' (2015). Reuniu todos os seus contos no volume “O máis estraño” (2011).

Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. Para o público infantil ten publicados os contos “O sombreiro Chichiriteiro” (2009), “O raposo e a mestra” (2013) e “Bala Perdida” (1997, Xerais, 2016). En 2015 publicou o poemario “A boca da terra”

Teresa Bretal Martínez
Compositora

Teresa Bretal Martínez, naceu na Pobra do Caramiñal en 1984. Combina o seu traballo como docente no Conservatorio de Música de Riveira con outras facetas, como a da composición e tamén a da investigación. Forma parte do grupo de investigación ELICIN (ELYCE-LITERACINE) do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da Universidade de Vigo.

Titulada Superior en Música na especialidade de piano polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, completou a súa formación realizando o “Máster en Interpretación Musical” na especialidade de piano da Universidade Internacional de Andalucía, e o “Máster en Artes Escénicas” da Universidade de Vigo.

Doutorouse con “mención internacional” pola Universidade de Vigo, en 2017, coa tese “Aproximación analítica ó Mikrokosmos de Béla Bartók. As súas características compositivas, pedagóxicas, estilísticas e interpretativas como fundamento para a creación de colecciones similares baseadas no folclore galego”, contando coa dirección de Elliott Antokoletz, da Universidade de Texas de Austin.

A súa tese de doutoramento indaga na faceta pedagóxica de Béla Bartók, explorando o proceso creativo da súa obra Mikrokosmos desde unha aproximación metodolóxica ó autor. Para traballar sobre os manuscritos realizou estadías de investigación predoutoral no Arquivo Bartók da Academia Húngara das Ciencias de Budapest, na Fundación Paul Sacher de Basilea e na Universidade de Texas de Austin.

En 2008 gañou o Premio “Carlos Romero de Lecea” nas ensinanzas de “Sinfonismo e música actual” do LI Curso Universitario Internacional “Música en Compostela”. Desde aquela realizou numerosas estreas con intérpretes de ámbito nacional e internacional. A súa actividade creativa pasa por diferentes xéneros, como a canción de concerto, a música sacra e o repertorio de propósito pedagóxico.

Lugar

Igrexa de San Francisco de Betanzos

Venres, 1 de xuño 2018 ás18:00 horas