queremos convidarte
O certame musical No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega, da Consellería de Cultura e Turismo e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia que se celebra cada primeiro venres de xuño dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia.
Esta actividade ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia.
LUGAR: PRAZA DE SAN FERNANDO EN TUI
HORA: 17:30. DIA: 07/06/2019
Programa
José Torres Creo: San Campio. Romaría GalegaReveriano Soutullo: Veira d'o mar
Popular: Oh rama, oh que linda rama
Alexis Rozas Losada: No rego do prado
José Baldomir: Maio longo
PROTAGONISTAS
As nenas e nenos do coro
As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos seguintes centros: Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Música de Vigo, Academia de Música da Fortaleza de Valença, Academia de Música José Atalaya de Fafe, Conservatorio Elemental de Música da Guarda, Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas, Escola de Música Municipal Vila do Corpus de Ponteareas, Escola de Música Municipal de Mondariz, Escola de Música do Porriño, Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal, Escola de Música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas e Escola de Música Municipal de Tui.
Quinteto de metais
Hércules Brass
Hércules Brass son 5 músicos, utilizan 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trombón e tuba), proceden de 3 provincias distintas, pensan todo 2 veces e teñen 1 denominador común, adoran a música! Dende ben pequeniños viviron rodeados de músicos, a súa primeira meta foi debutar coa banda de música da súa localidade e dende aquela teñen claro que se querían dedicar á música. Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formaron o proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado. Grazas a esta dedicación, actuaron no 30 aniversario da JONDE, no Festival Spanish Brass Alzira 2013 e no Festival Ticino Musica 2013. E, como solistas, coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, coa Banda Unión Musical de Meaño, coa Banda Municipal da Coruña e coa Orquestra Sinfónica de Galicia estreando o espectáculo "Historia do Quinteto Triste e a Bruxa Anónima". Dende agosto de 2014, organizan o Festival Hércules Brass Celanova.
Alejandro Vázquez, trompeta
Víctor Manuel Vilariño, trompeta
Javier González, trompa
Esteban Méndez, trombón
Rodrigo Rodríguez, tuba
DIRECTOR
Maximino Zumalave
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.
Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras coma españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.
Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.
Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño. O seu compromiso coa cultura de Galicia transcende alén da música: Torrente Ballester envioulle unha obra "lamentando que no pueda ser una sinfonía" e a poetisa Eva Veiga escribiu:
...Maximino,
que coas súas mans do silencio
arrinca
a máis pura poesía,
no espacio fuxidía
no corazón eterna.
É licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña.
En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. No período 2010-2018 foi membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, formou parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música.
As OBRAS
NO REGO DO PRADO
Autor:Xosé María Álvarez Blázquez
Compositor: Alexis Rozas Losada
Oh rama, oh que linda rama
Autor:Popular
Compositor: Popular
VEIRA D'O MAR
Autor:Pío Lino Cuíñas
Compositor: Reveriano Soutullo
San CampIo. Romaría Galega
Autor: Manuel Lago González
Compositor: José Torres Creo
OS COMPOSITORES
José Torres Creo
José Torres Creo (1874-1939). Foi compositor e organista da Colexiata de Vigo. Creou as cancions, para voz e piano, San Campio, Fror nova e O sol da primavera, con letra de Manuel Lago González. Tamén son del Melodía gallega, Cantares gallegos e Mozos e mozas (muiñeira para orfeón, da que fixo ademais un arranxo para piano).
Fonte: Gran Enciclopedia Galega
Alexis Rozas Losada
Naceu en Santiago de Compostela en 1990. Estudou nos colexios Compañía de María e San Pelayo, onde se interesou pola literatura e por diversas materias artísticas como o debuxo ou o teatro. Aos catorce anos empezou a súa carreira musical na Escola de Música Municipal de Santiago con Bruno Bonamis Pérez. Aí atopou a súa vocación e decidiu ingresar no conservatorio, no grao profesional de guitarra. Obtivo o graduado no Conservatorio Superior de Música da Coruña, na especialidade de Composición Musical, da man dos profesores Fernando Buide del Real, Julián Rodríguez, Manolo Varela e Mario Seoane, e o grao profesional de guitarra clásica no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela (CMUS) cos profesores Isabel Rey Sanmartín, Tin Novio, José Manuel Dapena e Bruno Pérez Bonamis. Acabou 4º grao profesional de canto e 2º grao profesional de piano no CMUS de Santiago con Aída López, Diana Somkhieva e Miguel Vizoso. Diplomado pola Universidade de Santiago de Compostela como Mestre, especialidade en Educación Musical, orientou o seu labor profesional á formación musical infantil en diversos obradoiros e escolas da cidade. Formou parte como cantante e director de distintas agrupacións vocais.
Reveriano Soutullo Otero
Reveriano Soutullo Otero (Ponteareas,1880-Madrid 1932) comezou os estudos oficiais na Escola de Artes e Oficios de Vigo. En 1900 mudouse a Madrid para realizar estudos superiores no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. O 3 de xullo de 1906 obtivo por unanimidade o Premio Extraordinario de Composición. Ao ano seguinte, dado o seu extraordinario currículo académico, o Concello de Vigo concedeulle unha bolsa para ampliar estudos no estranxeiro, o que lle permitiu realizar viaxes de formación por Europa nos anos 1907 e 1908. Salientou como compositor e musicólogo. Dentro da produción musical de Soutullo, Galicia é destinataria dun bo número das súas composicións, como os pasodobres Brisas del Tea, Montes, Puenteareas, Vigo, Redondela, Río Miño, Sonata Gallega Día de labranza e a muiñeira As mozas do Couto, para banda. Compuxo, entre outras obras, a zarzuela Amores de aldea; Los zuecos de la Maripepa; Rías Baixas, con letra de Jesús González Muñoz; Galicia 1808, con texto de Ramón Cabanillas, e Balada de la nieve, obra para coro mixto a seis voces con letra de Diego San José de la Torre. Con letras do escritor vigués Pío Lino Cuíñas, compuxo as pezas Veira d'o mar, Primadeira e Himno de Vigo, encargado en 1907 polo alcalde Ricardo Senra. Contra 1904, Soutullo convértese en editor, xunto a Eduardo Villanueva, coa firma El Modernismo, Soutullo y Villanueva. Baixo este selo (e outras denominacións posteriores debidas a sucesivos cambios na empresa) publicarían numerosas partituras.
José Baldomir Rodríguez
Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino; da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías, que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral, sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.
Fonte: Gran Enciclopedia Galega
O Consello da Cultura Galega acaba de publicar a súa obra galega completa baixo o título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, en edición de Margarita Viso Soto.
OS ESCRITORES
PÍO LINO CUÍÑAS PEREIRA
Naceu no ano 1851 en Vigo, cidade onde morreu o 15 de xullo de 1927. Poeta en castelán e ás veces en galego, publicou páxinas humorísticas en prosa e en verso en castelán. Colaborou en medios como Galicia Cómica, Patria Gallega e, nos seus últimos anos, en Faro de Vigo baixo os pseudónimos Ambrosio e El Huérfano de Bembibre. No ano 1907 o alcalde de Vigo, Ricardo Senra, encargoulle a letra do Himno de Vigo, ao que porá música o ponteareán Reveriano Soutullo, o mesmo compositor que musicou os seus poemas Primadeira e Veira d'o mar. A obra foi estreada o 6 de agosto de 1907 coa Banda Municipal de Música de Vigo, dirixida por Wenceslao Menegón, coa colaboración dos orfeóns de La Oliva e do Círculo Católico.
XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ
Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985) foi editor, escritor e animador cultural. A súa obra abrangue a poesía, a novela e o teatro; investigou a literatura galega, o folclore, a arqueoloxía e a historia. Fillo de Darío Álvarez Limeses, militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Membro da Real Academia Galega e Cronista Oficial da cidade de Vigo, cofundou a editorial Monterrey en 1950, que refundou en 1964 como Edicións Castrelos. Os seus poemarios máis destacados son Poemas de ti e de min (1949, escrito co seu irmán Emilio), Roseira do teu mencer (1950), Romance do pescador peleriño (1954), Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953) e Canle segredo (1954). A súa obra poética completa foi publicada por Xerais en 1987. Como ensaísta é autor de diversos estudos de literatura, entre eles: Escolma de poesía medieval (1975), Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (1959) ou Martín Códax. Cantor do mar de Vigo (Xerais 1998). No ámbito da narrativa escribiu Os ruíns (1936) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971). Como autor teatral publicou O zapato do cristal ou Os pazos altivos, unha comedia en tres actos en verso.
Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2008.
Fonte: Edicións Xerais de Galicia
MANUEL LAGO GONZÁLEZ
Naceu en Tui o 25 de outubro de 1865. Alí estudou a carreira eclesiástica e realizou trece cursos en dez anos coas mellores cualificacións e premios. Comezou a escribir aos catorce anos e só dous máis tarde recibiu xa as súas primeiras distincións académicas. En 1887 desempeñou a cátedra de Grego e Hebreo no Seminario de Tui, onde un ano despois recibiu as Ordes Maiores.
Na súa cidade natal contribuíu a crear o diario La Integridad (1888) e participou nos famosos Xogos Florais de 1891 co discurso "Gabanza da lingua galega". En 1896 trasladouse a Lugo para desempeñar a cátedra de Teoloxía do seminario e gañou por oposición unha praza de cóengo na catedral desa cidade. Posteriormente accedeu á dignidade episcopal. Xa en 1906, ingresou na Real Academia Galega co discurso "Elogio de la lengua gallega". Foi nomeado bispo de Burgo de Osma en 1909. De alí pasou a Tui e en 1923 marchou como arcebispo a Compostela, cidade onde faleceu o 18 de marzo de 1925.
Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Os principais eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas xentes. O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi compilado en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos ou espallados en publicacións da época, como La Integridad, El Norte de Galicia ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán.
No ano 1973 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Fonte: Real Academia Galega
ROSALÍA DE CASTRO
A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.
En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas ("Lieders" e "Las literatas"), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a escritora afondou como poucos nalgún dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.
Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.
Fonte: Fundación Rosalía de Castro