Un concerto especial

O certame musical   No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega, da Consellería de Cultura e Turismo e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia que se celebra cada primeiro venres de xuño dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia. A actividade ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. Este 5 de xuño estabamos convocados en Allariz para festexar o herdo luminoso da Xeración Nós. Mais non puido ser. Con todo, non quixemos deixar pasar a data sen homenaxear á rapazada que nos acompañou ao longo destes anos. Foron xa sete edicións, sete lugares, 30 cancións de repertorio galego das cales sete foron estreas absolutas e máis de 2.800 participantes de 34 entidades educativas musicais diferentes.

Nesta ocasión, marcada polas circunstancias especiais que estamos vivir, convidamos ao alumnado dos conservatorios profesionais galegos e ao grupo de metais Hercules Brass a cantaren xuntos dende a casa. A resposta foi extraordinaria. Un cento de nenas e nenos, animados pola dirección dos centros e polo profesorado, uníronse para interpretar o Maio longo, o poema de Rosalía musicado por Baldomir, convertido xa nun emblema e  co que cada ano poñemos a nota final de cada concerto.

PROTAGONISTAS

Quinteto de metais

Hércules Brass

Hércules Brass somos 5 músicos, utilizamos 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trombón e tuba), procedemos de 3 provincias distintas, pensámolo todo 2 veces e temos 1 denominador común, adoramos a música! Dende ben pequeniños vivimos rodeados de músicos, a nosa primeira meta foi debutar coa banda de música da nosa localidade e dende aquela temos claro que queriamos dedicarnos á música.

Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, a Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formamos o noso proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado.

Grazas a esta dedicación actuamos en Galicia, Zamora, País Vasco, IX Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, Festival Spanish Brass Alzira 2013, Festival Ticino Musica 2013 (Suíza). E cabe destacar a actuación como solistas coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia así como unha gravación en Radio Clásica no programa Música Joven.

Alejandro Vázquez, trompeta; Víctor Manuel Vilariño, trompeta; Javier González, trompa; Esteban Méndez, trombón; Rodrigo Rodríguez, tuba.

O CORO

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan nesta actividade dende a casa pertencen ao Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense e ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. A todos  e todas elas, ao profesorado e á dirección dos centros educativos, o noso agradecemento polo seu esforzo e colaboración.

A OBRA

MAIO LONGO
Autora: Rosalía de Castro | Compositor: José Baldomir

Versión para coro de nenos e sexteto de metais.
Música de José Baldomir.
Arranxo de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2013).

Poema
Partitura/Particelas

O COMPOSITOR

José Baldomir Rodríguez

Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino; da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías, que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral, sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

O Consello da Cultura Galega acaba de publicar a súa obra galega completa baixo o título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, en edición de Margarita Viso Soto.

A ESCRITORA

ROSALÍA DE CASTRO

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas ("Lieders" e "Las literatas"), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a escritora afondou como poucos nalgún dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.

Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.

Fonte: Fundación Rosalía de Castro

Lugar

Nenas e nenos cantan na casa

xuño de 2020