Un concerto especial

O certame musical "No bico un cantar" é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que se celebra cada primeiro venres de xuño dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia. A actividade ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. Un ano máis tivemos que renunciar a un encontro presencial debido á situación derivada da pandemia que estamos a vivir. Con todo, non quixemos deixar pasar a data sen homenaxear á rapazada que nos acompañou ao longo destes anos. Foron xa oito edicións, oito lugares, 30 cancións de repertorio galego das cales sete foron estreas absolutas e case 3000 participantes de 34 entidades educativas musicais diferentes.

Nesta ocasión é o alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo quen nos lembra a importancia de unir os nosos azos e a nosas voces para superar circunstancias adversas como a que nos toca vivir. Fano no ano dedicado á escritora Xela Arias, que foi alumna do colexio Fingoi de Lugo nos primeiros da súa andaina escolar. Ela, que no libro Non te amola! anota que quere dirixir unha orquestra e desexou para o seu fillo en Darío a diario: "Que con cabeza e corazón limpo, dirixas, meu ben, a orquestra da tùa vida", gustaría de escoitar estas dúas ducias de nenas e nenos cantar no final deste maio tan longo. Xusto no abrente do verán. En homenaxe a Lugo, á infancia de Xela Arias, á rapazada que acaba de superar un ano ben duro cun comportamento cívico exemplar e á esperanza da primavera ofrecemos esta fermosa cantiga. Velaquí o Maio longo, poema de Rosalía musicado por Baldomir, convertido xa nun emblema e co que cada ano poñemos a nota final de cada concerto.

PROTAGONISTAS

O CORO

CMUS Xoán Montes de Lugo

As nenas e nenos participantes pertencen ao Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, un dos sete centros de ensinanza musical que forman parte da Rede de Conservatorios de Música e Danza de Galicia. Creado en 1973, dende 1995 é un centro de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. As nenas e nenos que interpretan este "Maio longo" para No bico un cantar 2021 cursan a materia de Linguaxe musical dentro das ensinanzas elementais e profesionais, en concreto, o primeiro ano de ambos os dous graos.

Cos profesores Daniel Borja Durán Alonso ao piano, Mateo Iglesias Seoane na dirección e Alberto López Hermida na gravación e edición do vídeo, participaron Antía Rodríguez Quintas, Antón Mínguez Rodríguez, Breixo Gato Fernández, Carla Corujo Cabanillas, Carla Rodríguez García, Carmen Salgado Pollán, Claudia Murado Cendán, Daniela Haiwen Sánchez Veiga, Gabriel Castedo Nogueira, Iago Millares Tallón, Irene Bellón Vecino, Jimena González Morado, Julia Gómez Pumariño, Manuel Maseda Fernánde,z María Otero Chantres, Marta Mosquera Lúgaro, Martín García Castro, Noa Piñeiro Tella, Olmo Portomeñe Sánchez, Sara Nogueras Porto, Sofía Salgado Pollán, Sophie Isla Sillars Moya, Violeta Fraga Sal e Xoel Pérez Casas

A OBRA

MAIO LONGO
Autora: Rosalía de Castro | Compositor: José Baldomir

Versión para coro de nenos e sexteto de metais.
Música de José Baldomir.
Arranxo de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega (2013).

Poema
Partitura/Particelas

O COMPOSITOR

José Baldomir Rodríguez

Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino; da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías, que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral, sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

O Consello da Cultura Galega acaba de publicar a súa obra galega completa baixo o título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, en edición de Margarita Viso Soto.

A ESCRITORA

ROSALÍA DE CASTRO

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas ("Lieders" e "Las literatas"), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a escritora afondou como poucos nalgún dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.

Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.

Fonte: Fundación Rosalía de Castro

Nenas e nenos do CMUS Xoán Montes de Lugo

Xuño de 2021