NOTICIA

----

Os Encontros para a Normalización Lingüística cumpren 25 anos cunha reflexión sobre vender en galego

“Economía, lingua e sustentabilidade” é o título da vixésimo quinta edición dos Encontros para a normalización lingüística que organiza este martes, 17 de outubro (9:45 horas), o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguran esta cita que pretende reflexionar sobre o papel do idioma no ámbito socioeconómico. Responsables de empresas e entidades como Daveiga, Espiga, Fegatur Vegalsa-Eroski, Deleite Cooperativa 57 ou Caixa Rural Galega, entre outros, achegarán as súas experiencias neste encontro presencial que tamén se pode seguir en directo a través do web e as redes sociais da institución.

Na edición de hogano responsables de empresas que empregan o galego no seu día a día explicarán en primeira man a súa experiencia. Ao longo do día expoñeranse diferentes iniciativas que van desde as entidades que empregan a nosa lingua dun xeito puntual, ata as de longa traxectoria, das máis coñecidas ás que tentan innovar. Voces que permitirán comprobar como unha actividade empresarial que valora a proximidade e a sustentabilidade atopa no uso do galego un elemento potenciador de seu. Tamén se falará dos dereitos das persoas que usan e mercan eses servizos. Cales son estes, cal o estado actual do seu cumprimento e como actuar para facelos efectivos. Os Encontros bucan un punto de vista propositivo para mellorar a presenza da lingua galega no tecido comercial e empresarial, dende as relacións laborais á comunicación, rematando no contacto coa clientela.

Rosario Álvarez Blanco, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro son os coordinadores desta edición.

O programa
A xornada divídese en tres bloques. No primeiro falarase da situación da lingua galega no sector económico, na que o investigador do ILG (USC), Miguel Guisantes, ofrecerá unha descrición panorámica do uso do galego nos sectores recollidos no Plan de dinamización lingüística galega no tecido económico. Após esta panorámica, o abogado e consultor Xoán Antón Pérez Lema, xunto con Sara Seco Rial, da Mesa pola Normalización Lingüística, farán unha análise dos dereitos dos consumidores e consumidoras, das dificultades xurídicas para exercelos e das experiencias de reclamacións destes.

No terceiro bloque toman a palabra os responsables de diferentes empresas para explicar as súas experiencias. Unha delas ofrece unha perspectiva histórica da promoción do uso da lingua mediante actividades de entidades públicas e privadas. Capacidade dinamizadora de determinados sectores económicos centrados en servizos de mediación. Visión externa desde a perspectiva da publicidade. Nela participan Xosé Carballido Presas, Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE); Paulo Rodríguez de Dinahosting; Emi Candal de Espazo coop. Unión de Cooperativas Galegas e Xosé García, DAG: Asociación Galega do Deseño.


Pola tarde terán lugar as dúas mesas que continúan a dar voz ás experiencias prácticas. Una delas titúlase “Lingua, calidade e proximidade”, serve para a presentación e posta en valor de empresas que unen a lingua galega aos seus principios de calidade e proximidade. Gabriela González de Vegalsa-Eroski; Pedro González Boquete de Deleite; Antón Ínsua de Coop57 e Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón da Caixa Rural Galega achegan a súa visión.


A última das mesas é “Lingua e sustentabilidade” na que Carolina Sánchez Sanz de Espiga. Asociación Galega para a Bioconstrución; Francisco Xabier Almuíña de Fegatur. Federación Galega de Turismo RuraL; e Xosé Lois Lamazares das galletas Daveiga. Amosan a súa visión d eque a súa elección polo galego está vencellada á súa distinción pola sustentabilidade. A xornada remata cunha actuación do Mago Teto.


Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística Naceron como un foro dedicado á información e á reflexión sobre a situación da lingua galega, un lugar de intercambio de experiencias e presentación de proxectos, de elaboración e lanzamento de propostas de futuro. Un espazo aberto á pluralidade, á construción colectiva, ao interese e respecto por todas as voces. Neste cuarto de século abordaron a normalización do idioma desde diferentes ámbitos: o deporte, como ferramenta de cohesión social, a mocidade e a comunicación, entre outros.