Entre os ideais do médico galego Domingo García-Sabell sempre estivo o de humanizar a medicina, para o que reivindicou “poñer no centro tanto o paciente como a persoa” e “empregar a lingua propia do doente”, explica o especial. Pola súa banda, Alexander Fleming instaurou a universalización dos coidados sanitarios co seu achado accidental da penicilina en 1928, un descubrimento que resultou “de vital importancia para tratar moitas infeccións bacterianas diferentes e salvar moitas vidas”, continúa.
Arredor deste fito científico falan Allison Ramsey e Mary Staicu no vídeo “O accidente que cambiou o mundo”, peza que abre a nova entrega de Proxector. A continuación, Azucena Mora, profesora da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fai un percorrido histórico dende o descubrimento da penicilina ata a actualidade co fin de afondar no papel que tiveron as mulleres na historia da ciencia en xeral e no campo da microbioloxía en particular.
A función que desempeñan as bacterias no funcionamento do organismo do ser humano e a resposta do sistema inmunitario ante unha infección bacteriana son cuestións que se abordan, así mesmo, no especial de Proxector. De feito, entre os seus materiais inclúese un vídeo TED no que Bonnie Bassler analiza como os microorganismos bacterianos empregan unha linguaxe química para comunicarse e, deste xeito, coordinar tanto a súa defensa como os seus ataques. En “Illando a diversidade”, Ana Otero, Sabela Balboa e Carlos Rodríguez Osorio, docentes da USC, amosan a técnica de laboratorio que permite conseguir un cultivo puro de bacterias.
Porén, a nova entrega subliña que “a resistencia aos antibióticos é un dos principais desafíos aos que debe enfrontarse actualmente a ciencia médica”. Arredor desta problemática e das súas posibles solucións reflexiona Gerry Wright no vídeo “Como podemos resolver a crise de resistencia aos antibióticos?”. Mentres, noutro recurso audiovisual, Gonzalo López Lorenzo achega o caso da colibacilose porcina. Esta enfermidade provoca cadros de diarrea nos leitóns e está causada pola Escherichia coli, unha bacteria que conta xa con algunhas cepas resistentes aos antimicrobianos. Pola súa banda, Inmaculada Orjales expón en “A redución do uso de antibióticos: un reto para a gandería” as vantaxes que tería para as explotacións gandeiras a limitación do uso deste tipo de fármacos. Unha posible solución á loita contra as bacterias resistentes aos antibióticos achégaa Alexander Belcredi no recurso “Como un virus xa esquecido nos pode axudar a pór fin á crise dos antibióticos”. Enmarcado dentro das charlas TED, nel explica o papel que desempeñan uns virus naturais chamados fagos para conseguir curar algunhas doenzas infecciosas.
Completan o especial de Proxector un audiovisual sobre a tuberculose e o xeito en que afecta ao organismo do ser humano e outro arredor da relación existente entre as enfermidades bucais e doenzas como a artrite, a diabetes ou os accidentes cerebrovasculares.
O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.