NOTICIA

----

Unha mostra exhibe a forza do patrimonio cultural da última década

No Día Internacional do Patrimonio Cultural, o Consello da Cultura Galega (CCG) inaugurou a exposición Olladas #EMPC. Olladas #INSITU, que recolle a evolución do patrimonio cultural galego na última década a partir de medio centenar de experiencias. Desde a intervención do illote de Guidoiro Areoso, que rematou con límites de protección, ata a análise de casos para habitar o rural, pasando pola Cova Eirós, exemplo de diálogo entre as diferentes partes, estas actuacións permiten ver a saúde do patrimonio cultural. “En moitísimos aspectos, Galicia está á cabeza do patrimonio cultural”, asegurou Rebeca Blanco-Rotea, que comisaría esta mostra xunto con Rosa Benavides. A exposición estará aberta ao público nas instalacións do CCG ata o vindeiro 30 de novembro, cando se trasladará a Braga para comezar as itinerancias. Ten tamén unha versión en liña que xa se pode consulta no web da institución.

“A mostra permite ver que hai un boom arredor do patrimonio cultural en Galicia e o norte de Portugal no que conflúen moitos vectores: a aplicación de novas tecnoloxías sobre o patrimonio; un cambio de mentalidade da cidadanía, que se foi empoderando e reivindicando o seu dereito a decidir; a maior implicación de diferentes administracións na busca de fórmulas para acadar consensos nalgúns ámbitos, como a Cova Eirós… Vimos tamén como os modelos mudaron estruturas que parecían ríxidas; Ponte… nas Ondas! é todo un modelo de éxito”, explica a comisaria e arqueóloga da Universidade do Minho Rebeca Blanco-Rotea. “Amosa tamén as fraxilidades do noso patrimonio cultural inmaterial e material, o que suscitou tamén conciencia de salvagarda na cidadanía”, engadiu Rosa Benavides.


En vinte paneis ofrécese unha ollada á situación patrimonial da última década, que foi especialmente vizosa para a revaloración e revitalización do patrimonio cultural no noso país. Ademais, tamén permite comprobar que vivimos un momento dourado no diálogo para a busca de consensos a múltiples bandas co noso patrimonio, no que o Consello da Cultura Galega tivo un papel relevante. Foi esta institución, capitaneada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, a que forneceu dun espazo de mediación entre as diferentes partes en moitos conflitos. O foro Patrimonio e Sociedade foi bo exemplo desta busca de consenso.

A exposición contou cun comité asesor coordinado por Rebeca Blanco-Rotea, Olimpia López Rodríguez e Hortensio Sobrado Correa, así como un equipo no que tamén está Iago Seara, Juan Orozco e Hortensio Sobrado.

Parte de corenta e dúas xuntanzas periódicas organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais nas que se analizaron outros tantos modelos, iniciativas, proxectos e traballos. Estas citas permitiron facer un mapeamento real da situación patrimonial do país e construír unha radiografía, elaborada polos propios autores e partícipes do proxecto. Eran os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC), nome das xornadas que se facían na sede institucional en Santiago, e os INSITU, que se desenvolvían no propio espazo analizado, e por eles pasaron 183 convidados e asistiron de maneira presencial preto de dúas mil persoas.

Estas dúas actividades dan agora nome á mostra Olladas #EMPC. Olladas #INSITU. A exposición escolma quince iniciativas organizadas arredor de cinco temas que amosan que hai innovación, transversalidade, grande orixinalidade e variedade nos enfoques e nas abordaxes con respecto aos distintos bens culturais.


Quince experiencias, cinco temas
O primeiro dos bloques temáticos, “Divulgación e patrimonio”, pon en valor tres dos once exemplos de divulgación do patrimonio que se analizaron no marco dos EMPC. Un deles é Monumenta, o festival de rutas arredor do patrimonio que organizou a Xunta de Galicia e que amosou que hai outra forma de entender o patrimonio. Pero tamén a liña de investigación da arte esquemática que amosa que o noroeste peninsular é un espazo xeográfico necesario para o estudo de grandes tradicións rupestres.

O segundo bloque, titulado “Dialogar co patrimonio: vivir en espazos con historia”, afonda na dificultosa relación da habitabilidade en contornas protexidas. Na mostra abordouse a complexidade da rehabilitación urbana. Coa análise dos conxuntos históricos de Vigo, Ferrol, Ourense e Ribadavia, os diferentes expertos lembraron que as cidades históricas deben ser xestionadas desde a transdiciplinariedade e desde todas as miradas. Este debate produciuse no contexto da elaboración e aprobación da Lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. Na exposición tamén se recolle a outra face, a de habitar o medio rural desde unha dimensión máis social e máis baseada na comunidade, na contorna, na natureza e nas persoas.

No terceiro bloque temático, “Novas olladas sobre o patrimonio: técnicas e tecnoloxías”, recóllense as experiencias anovadoras empregadas na restauración. A restauración do campanario de San Martiño Pinario, a tecnoloxía do Nautilus para ver os pecios do fondo mariño ou entender a importancia dos documentos como parte do patrimonio son algúns dos exemplos que se poden ver na mostra.

As problemáticas exhíbense no cuarto bloque, “Patrimonio e conflito: na busca de consensos”, que pon exemplos como a Cova Eirós, a Panificadora de Vigo, o Parque Arqueológico Vale do Terva ou o patrimonio da Transición democrática para poñer sobre a mesa que nos últimos tempos existiron bastantes situacións de conflitos, pero tamén que os conflitos só se resolven desde o diálogo e a busca de consensos. En parte polo que se aborda no último bloque, “O valor da cidadanía: empoderamento e identidades”, que pon o foco no feito de que, nesta última década, houbo unha evolución por parte da sociedade. Cada vez existe unha cidadanía máis concienciada, comprometida e preocupada pola fraxilidade do patrimonio, que precisa de compromiso e solucións integrais para o rescate da súa memoria. Este é o caso de Guidoiro Areoso, cuxa divulgación xunto ao compromiso social levou a unha intervención de rescate por parte da Xunta de Galicia.