NOTICIA

----

Comeza en Vilalba unha xornada sobre as mulleres das Irmandades da Fala

“Arredor das irmandiñas: mulleres para a historia de noso” é o título das xornadas que terán lugar ata mañá no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba. A actividade forma parte das xornadas anuais que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA). Nesta edición, diferentes especialistas, como Carme Adán, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, reúnense para falar do papel que tiveron as mulleres no seo das Irmandades da Fala.

A cita comezará hoxe cun acto de apertura a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), e de Marta Rouco, alcaldesa do Concello de Vilalba. Ademais das propias xornadas, inaugurarán tamén a mostra “Pegadas de mulleres”, que estará aberta para a súa visita ata o día 30 de decembro.

A continuación, dará inicio a sesión de relatorios cunha intervención de Guillermina Domínguez Touriño que leva por título “Historia das invisibles”, após a que Cecilia Fernández Santomé profundará en como a sección feminina das Irmandades da Fala se pronunciou en contra do manifesto publicado pola Asociación Nacional de Mujeres. A sesión concluirá coa conferencia de Vanesa Siso “A pegada xornalística das mulleres das Irmandades da Fala”.

As xornadas proseguirán o sábado 18 de novembro (11:00 horas) coa conferencia de Carme Adán “Mulleres de Álbum”. Posteriormente, terá lugar a representación teatral “Irmandiñas da Fala”, interpretada polo Grupo de Teatro Independente de Vilalba baixo a dirección de Susana Pérez Fernández. Pechará a sesión de relatorios Aurora Marco, coa intervención “Irmandiñas, un silencio que durou cen anos”. Carme Adán tomará de novo a palabra para clausurar as xornadas, que finalizarán cunha ofrenda floral diante do monólito das Irmandades da Fala. O acto que contará co acompañamento musical do grupo AC Andrade.

Colaboración continuada
En 2019 o Consello da Cultura Galega e o IESCHA iniciaron esta vía de colaboración cunha cita titulada “Xornadas da muller” que, durante dous días, destacou o papel das mulleres na cultura. Tralo parón no ano da pandemia, a colaboración retomouse en 2021 cunha xornada sobre a revisión histórica en clave local das Irmandades da Fala á que lle seguiu outra sobre a creación artística.