Manuel Balboa foi un compositor de música culta e de bandas sonoras, mais destaca a súa faceta como investigador, centrado nos estudos sobre o teatro lírico en España. Precisamente sobre este ámbito trata a conferencia que constitúe esta nova entrega de Caligrafías musicais, na que se ofrece un percorrido exhaustivo sobre o teatro lírico galego. A charla foi pronunciada no Ateneo Republicano de Galicia, na cidade da Coruña, en 1979, e serviu tamén de modesta homenaxe á estrea, o 31 de maio de 1929 no Teatro Tamberlick de Vigo, da ópera O Mariscal, con música de Eduardo Rodríguez-Losada e libreto de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas.
Balboa, que daquela contaba vinte e un anos, ofrece unha exhaustiva narración salpicada de fragmentos musicais que exemplifican as súas investigacións, que aquí están omitidos para evitar unha excesiva duración desta entrega do proxecto. Para Balboa o teatro lírico galego era un tema virxe e complexo porque os materiais orixinais estaban perdidos. “En Galicia a situación social, histórica fixo que o teatro lírico fose feito por compañías de afeccionados […] que representaban unha zarzuela que escribían os amigos, sen coñecementos musicais […] que eran un eco do xénero chico español”, afirma. Considera que a música lírica do teatro é fundamental na estruturación da linguaxe musical e nas aspiracións e personalidade artística dun pobo, polo seu carácter de fusión e suma de todas as artes. “Parecíame estraño porque, sendo o nacionalismo un fenómeno romántico, Galicia, polas súas lendas históricas tiña un campo argumental enorme para desenvolver este teatro e tiña unha riqueza folclórica extraordinaria para o desenvolvemento da súa música como en Rusia, Checoslovaquia e os países nórdicos”, afirma.
Comeza falando sobre o nacionalismo musical galego, as súas características máis destacadas e as interrelacións co nacionalismo español. Despois pasa a analizar a obra mestra de Marcial del Adalid, Inés e Bianca. Tamén dedica un tempo a falar de Pascual Veiga e José Baldomir, pero centra a súa intervención no músico Eduardo Rodríguez Losada, desprezado nos circuítos musicais da época polo feito de que era considerado un reputado arquitecto que dedicaba o seu tempo libre á música. “Despois de consultar algunhas partituras grazas á colaboración do seu fillo Antón”, asegura Balboa, “considero que tivo unha grande ambición de universalidade, que saíra de tópicos, de alalás, folcloradas…”. Na intervención, que dura aproximadamente unha hora, dedica un tempo a falar de O Mariscal. Tamén aborda brevemente a zarzuela e posteriormente fala de Reveriano Soutullo, ao que cualifica de “primeiro músico galego e que penso que podería ter sido un dos músicos de primeira liña no conxunto de España”. Remata cun repaso por composicións españolas con influencia de temáticas e obras galegas.
Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, a compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimensual e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro.
Cando se fala de patrimonio sonoro, asóciase decontado á música como eixe fundamental, en todos os seus diferentes estilos: popular ou culta, de calquera época, tradicional ou de autoría. Así, os fondos dos arquivos sonoros son maioritariamente musicais. Con todo, no caso dos fondos editados, a súa difusión sofre atrancos lexislativos que impiden unha difusión fluída.
Non obstante, no ASG, ao dispoñer dun amplo fondo de conferencias, pódese divulgar o noso patrimonio musical a través destes valiosos documentos sonoros inéditos.
O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes arquivos particulares, de institucións, de colectivos ou de compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas, a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais ou Voces centenarias constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Francisco Nieto e Cristina Pujales Prats.