Nado en Santiago de Compostela, Francisco María de la Iglesia estudou Maxisterio e, en 1851, empezou a exercer como auxiliar da escola práctica da súa cidade natal. Ao ano seguinte, tras aprobar as oposicións, trasladouse á Coruña e, en 1865, foi nomeado profesor da nova Escola Normal de Mestras da cidade herculina. Colaborou con La Gaceta del Magisterio e con outras cabeceiras vinculadas ao sector, aínda que no campo xornalístico sobresaíu por ocupar “un posto na prensa coruñesa, e sempre ligado á causa de Galicia nunha sorte de provincialismo moderado”, subliña Xurxo Martínez González na súa entrada. Así, foi director de Diario de la Coruña (1857-1858) e colaborador de El Defensor de Galicia (1856) ou El Fomento de Galicia (1858). “Porén, será Galicia. Revista universal de este Reino (1860-65) a que ocupe un lugar cimeiro”, continúa Martínez González, pois, segundo explica, esta cabeceira “representa un dos contributos centrais do grupo rexurdimentista da Coruña e presenta unha listaxe de colaboradores de primeira liña”, como Murguía, Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal.
Francisco María de la Iglesia cultivou a escrita en galego. En 1857 publicou o poema “Á morte de Pepe Ponte e Brañas” en El Iris de Galicia, momento a partir do cal a súa poesía comezou a proliferar. De corte conservador, costumista, relixioso e patriótico, a súa obra poética non obtivo moi boas críticas. Porén, o seu valor literario reside no esforzo que fixo Francisco María de la Iglesia de “crear textos en galego, de fixar unha grafía e reproducir palabras tomadas da fala oral”, tal e como se sinala na súa biografía.
Xunto coa poesía, Francisco María de la Iglesia foi o autor de A fonte do xuramento (1882), a primeira peza de teatro que se representou publicamente en galego. Ademais, escribiu Gallegos… a nosa terra! e Os Ártabros, escena orfeónica, e compuxo letras e partituras para o orfeón El Eco.
Salvador Golpe Varela
Nado en San Pedro de Oza, Salvador Golpe Varela estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela desde 1865 ata 1874 e, posteriormente, exerceu de avogado e xuíz na Coruña. Foi redactor de El Diario de Santiago (1878) e, tras fixar a súa residencia na cidade herculina, fundou El Clamor de Galicia (1881-1885) xunto con Ramón Faginas. A cabeceira, de orientación político-ideolóxica moderada e “aberta á defensa de Galicia”, fundiuse posteriormente con El Noroeste para dar lugar a El Clamor del País (1885-1888), segundo explica Xurxo Martínez na súa entrada do Álbum de Galicia. En 1894, de novo con Ramón Faginas, fundou o periódico Unión Gallega e foi colaborador doutros de liña rexionalista, como Revista Gallega ou A Nosa Terra.
A súa militancia rexionalista levouno a ser vogal da Asociación Regionalista Gallega e, posteriormente, a vincularse coa Liga Gallega como presidente do comité local da Coruña. “A acción con maior transcendencia, política e simbólica, foi o monumento aos Mártires de Carral”, subliña Xurxo Martínez, quen recolle na súa biografía as palabras que Salvador Golpe pronunciou naquela ocasión: “Queremos que este acto sea una reivindicación y un culto a la libertad”. Ademais, foi un dos membros fundadores da Academia Galega (1906) e o presidente da Comisión Clasificadora de Papeletas, encargada “de colaborar coa Comisión Ortográfica para a redacción dun dicionario da lingua galega”, subliña Martínez.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 690 entradas, das cales as máis recentes son as de Afonso Eanes do Cotón, Eduardo Rodríguez-Losada, Pablo Pérez Costanti e Isabel Martínez-Barbeito.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.