NOTICIA

----

Paula Carballeira e Sofia Santos Silva protagonizan a sexta edición do ciclo Dramaturxias itinerantes

O Consello da Cultura Galega (CCG), a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, en colaboración co Camões-Centro Cultural Português de Vigo, presentan unha nova edición de Dramaturxias itinerantes. O ciclo, que busca promover un maior coñecemento sobre a escrita teatral feminina máis contemporánea de Galicia e Portugal, xunta nesta edición ás creadoras Paula Carballeira e Sofia Santos Silva. A cita arrinca hoxe (18:00 horas), no Teatro Helena Sá e Costa (Porto), e repite mañá, mércores 22 (17:30 horas) na ESAD de Vigo.

O ciclo Dramaturxias itinerantes suma a súa sexta edición cun encontro escénico protagonizado por Paula Carballeira, premiada dramaturga e narradora oral galega, e mais por Sofia Santos Silva, destacada creadora escénica portuguesa. A través da lectura dramatizada das súas obras Ubasute e Another rose, respectivamente, abordaranse en profundidade temas como o abandono e a irmandade. Após as representacións, haberá unha conversa coas autoras moderada pola profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Vanesa Sotelo.

O programa
Esta edición ábrese coa lectura dramatizada de Another rose, peza escrita por Sofia Santos Silva, dirixida por Cláudia Marisa e interpretada por Ariana Santos, Constança Antunes, Filipa Araújo e Margarida Bezerra. A obra propón un encontro na distancia co grupo activista Gulabi Gang, con sede no estado indio de Uttar Pradesh, que foi fundado por un grupo de mulleres como resposta á violencia sistemática e á discriminación xeneralizada que estas sofren nunha sociedade patriarcal que banaliza a violencia sobre o xénero feminino. A peza chama a atención sobre a importancia da irmandade, independentemente do contexto e da realidade social, como medio para construír espazos de resistencia contra aqueles actos que prexudican a especificidade de cada corpo.

A segunda das obras é Ubasute, na que Paula Carballeira trata o tema do abandono. Así, percorre as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles. Dirixida por Nuria Montero coa colaboración de Roberto Vázquez Fernández, Inés Gómez Queiruga e Nicole Babarro Gallego, a peza ten como intérpretes a Raquel Cabañas, Carlos Galán e Telma Pazo.

As autoras
Sofia Santos Silva estudou no Conservatorio de Música de Porto o grao en Frauta Transversal e o preparatorio en Canto Lírico. Iniciou a súa formación como actriz na Academia Contemporánea do Espectáculo (Porto) e licenciouse posteriormente na Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa. En 2015, foi unha das seleccionadas para asistir á segunda edición do Laboratorio de Escritura para Teatro do Teatro Nacional Dona Maria II (TNDMII). Dous anos despois, escribiu a peza Uma Frida, que foi seleccionada en 2019 para integrar o programa do ciclo Recém-nascidos do TNDMII. Ademais, é a autora dos espectáculos Nina, Nina e A nossa primavera e, en 2021, gañou a cuarta edición da bolsa Amélia Rey Colaço co proxecto Another rose.

Paula Carballeira é licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou o curso de especialización en arte dramática Teoría e Práctica da Interpretación. É narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Como narradora oral, foi convidada aos principais festivais e eventos nacionais e internacionais. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións tanto para a súa compañía como para outras. Como dramaturga, recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática e o Premio Follas Novas na categoría de Teatro en 2023, o Premio Laudamuco de Textos Teatrais en 2022 e o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018. Tamén recibiu a Mención do Xurado no III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural e foi finalista do Premio ASSITEJ (sección española da Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude). Como autora, ten máis de trinta libros publicados, moitos deles traducidos a outras linguas.

Dramaturxias itinerantes
En 2019, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia puxeron en marcha Dramaturxias itinerantes, que conta desde o ano 2021 coa colaboración da Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto. O proxecto ten como obxectivo promover o encontro entre creadoras escénicas de Galicia e Portugal para afondar nun maior coñecemento da escrita teatral máis contemporánea de ambos os lados da raia, así como dar visibilidade e poñer en valor a dramaturxia de autoría feminina. Para a súa produción, o ciclo conta coas novas xeracións de profesionais das artes escénicas que se están a formar nas escolas das cidades de Vigo e Porto. Nas edicións realizadas nos anos anteriores participaron AveLina Pérez e Patrícia Portela, Ana Carreira e Joana Craveiro, Clara Gayo e Cláudia Lucas Chéu, Laura Porto e Rita Pinheiro ou Esther Carrodeguas e Cecília Ferreira.