----

Preséntase no CCG o documento máis antigo escrito en galego en Galicia

Henrique Monteagudo, secretario do CCG e director do CDSG, presentou aos medios de comunicación unha reprodución en tamaño real do documento O Foro do bo burgo do Castro Caldelas, dado en Allariz en abril de 1228 e único diploma en romanzo saído da chancelaría de Alfonso IX.

O profesor Monteagudo explicou cales foron as claves que o levaron a seguir a pista deste importante documento, do que xa se coñecía a súa existencia pero se ignoraba a súa transcendental importancia para a historia da lingua galega, ao descubrirse agora que nos atopamos ante o documento máis antigo escrito en galego en Galicia.

O documento orixinal do Foro do bo burgo de Castro Caldelas está custodiado no Arquivo dos Duques de Alba (Madrid). Se o desexa, nos fondos do CDSG pode acceder a unha reprodución en tamaño real.