----

"O galego Luís Seoane deixou marcas tan fondas que forma parte do panorama artístico arxentino", afirmou Beatriz Sarlo

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2010.- A profesora Beatriz Sarlo subliñou a arxentinidade do galego Luís Seoane “porque deixou unhas marcas tan fondas que forma parte do panorama artístico arxentino”. Así o dixo na conferencia que abriu o congreso internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”, organizado polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane. O congreso foi inaugurado esta mañá nun acto que presidiron o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Roberto Varela, e o presidente do CCG, Ramón Villares, acompañados por Silvia Longueira e Alberto Ruiz de Samaniego, vicepresidenta do patronato e director da Fundación Luís Seoane, respectivamente. Os traballos continuarán ata o día 9 de abril. Beatriz Sarlo (Universidade de Buenos Aires) falou sobre “As Arxentinas de Seoane”. Catro etapas que configurou, en primeiro lugar, polas iniciativas editoriais e de prensa: creación de sellos editores, periódicos, revistas e libros con deseños caracterizados pola modernidade. A segunda etapa sería a da vivencia do exilio, da súa aceptación na esfera intelectual, con certo rechazo ou distanciamento nos ámbitos oficiais. A terceira, a convivencia no Peronismo, réxime que estableceu relacións ñrivilexiadas co Franquismo. A cuarta sería o que a conferenciante chamou “a Arxentina milagrosa”: o mundo do teatro, representado no xigantesco mural que Luís Seoane (1910-1979) realizou para o Teatro Municipal Sanmartín. Esas son esencialmente as canles das improntas do artista galaico-arxentino no seu país de nacencia ao que houbo de volver exilado en 1936 por causa da Guerra Civil (1936-1939). Velaí a dobre dirección territorial e cultural que permitiu a Beatriz Sarlo falar “dun artista arxentino que daba igual que fose galego pola longa traxectoria de asimilación e integración”. María Luíssa Sobrino (Universidade de Santiago) aludiu a esa característica de Seoane, e particulamente ao célebre mural do Teatro San Martín, “como unha expresión do que o autor entendía por integración das artes”, antes de inciciar o seu relatorio sobre “O fardel galego de seoane ata 1936”, no que repasou a etapa galega de formación, activismo e compromiso do artista. Pola tarde, Hernán M. Díaz referiuse ás ·institucións e as redes culturais da emigración galega” e ás dificultades para desenvolver unha práctica cultural en lingua galega e os obstáculos para unha práctica monlingüe. Xosé Manoel Núñez Seixas (Universidade de Santiago) falou de “Política dos exilados e política dos emigrados: convivencia e conflito”. Sostivo que a finais da década de 1950 “xa non existía, se algunha vez fora tal, unha dialéctica entre política dos emigrantes e política dos exilados. O que emerxeu foi unha nova contradicción de intereses e cosmovisións e, por tanto, de visións da patria dende a lonxanía entre antigos residentes mobilizados e emigrantes, dunha banda, e novos inmigrantes pola outra”. Esa desproporción “esluiu o legado e a influencia dos exilados”. Con todo, sostivo Núñez Seixas, “o carimbo dos exilados é aínda hoxe perceptible na propia arquitectura institucional da colectividade galega de Buenos Aires”. CULTURA, ARTE, POLÍTICA Na sesión inaugural do congreso o conselleiro de cultura, Roberto Varela, salientou o labor cultural, a creación artística e o compromiso político e ético de Seoane e felicitouse pola iniciativa desenvolvida polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane. Alberto Ruiz de Samaniego destacou a importancia da relectura da obra e o legado do creador e Silvia Longueira e Ramón Villares tiveron unha especial lembranza para Isaac Díaz Pardo, figura central en todo o referido a Seoane e á súa memoria, que non puido acudir ao congreso. PROGRAMA DO MÉRCORES, 8 DE ABRIL O programa do mércores, 8 de abril comezará ás 10 horas co conferencia do historiador Fernando Devoto (Universidade de Buenos Aires), sobre “Cultura e política entre dous mundos: debates intelectuais e tramas de sociabilidade (1936-1966)”. Ás 11´30 horas, Luís Alberto Romero (Universidad San Martín) disertará sobre “Os exiliados galegos na política arxentina (1936-1976)”. Pola tarde, a partir das 16´30 horas, coñecerase o relatorio de Diana Wechsler (Universidade de Buenos Aires) referido a “Luís Seoane nas redes da cultura antifascista”. A xornada rematará coa conferencia de Rodrigo García Viñuales (Universidade de Granada) a propósito de “Seoane na arte arxentina”. O congreso proseguirá no Consello da Cultura Galega o día 8 de abril coas intervencións de: Manuel Castiñeiras, Rosario Portela Yáñez, Arturo Casas e Xosé Luís Méndez Ferín. O venres día 9 as actividades trasladaranse á Crouña, á sede da Fundación Luís Seoane, onde presentarán os seus relatorios Xusto Beramendi e Antón Patiño (artista visual) e Ramón Villares, presidente do CCG, clausurará o congreso co conferencia “As Galicias de Luís Seoane”. Por último, procederase a inaugurar a exposición “Luís Seoane: a configuración do posible”. O congreso trata de rescatar a figura poliédrica de Luís Seoane (artista, escritor, deseñador, muralista, xornalista) e a súa acción creativa nunha dobre dirección territorial e cultural, entre a emigración e o exilio, e as súas dimensións como axente creativo e construtor dun proxecto cultural de intensa repercusión e influencia. Unha personalidade que, xunto con Castelao, “é a figura máis importante da Galicia do século XX pola súa capacidade de diálogo coa cultura galega e a súa integración na cultura universal”, en palabras de Ramón Villares. É esta a primeira actividade programada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane con motivo do primeiro centenario do nacemento dunha figura sobranceira da cultura galega (1910-1979). Ao longo do ano, en maio, outubro e novembro, seguirán outros tres encontros en colaboración coas tres universidades de Galicia.