----

A Comisión europea avalía a situación lingüística da Unión

A Comisión europea presenta unha nova entrega do estudo periódico Os europeos a as súas linguas, onde por primeira vez se achegan tamén datos sobre o galego.

Segundo este estudo (baseado en máis de 28 000 entrevistas realizadas a cidadáns de máis de 15 anos da UE), o galego sería a lingua materna de 1.8 millóns de cidadáns da Unión. O alemán sería o idioma da UE máis falado como primeira lingua, mentres que o máis falado como lingua estranxeira sería o inglés. O español, pola súa parte, atoparíase entre as 5 linguas máis coñecidas. Con todo, 44% dos enquisados recoñece non coñecer máis idiomas ca o seu propio.

No que respecta ao Estado español, o 5% dos cidadáns afirman ter como lingua materna o galego, mentres que o español sería a lingua materna do 89%, o catalán do 9% e o éuscaro do 1%.