----

O Consello da Cultura Galega renova o seu Plenario


Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2010.- O Plenario do Consello da Cultura Galega renovou, no transcurso dunha sesión celebrada hoxe pola tarde, a súa composición, seguindo o regulamento de funcionamento da entidade, que establece que os membros, tanto os electos como os que figuran por designación das institucións, serán renovados de por metades cada dous anos, podendo ser reelixidos. Os membros designados polas institucións que se renovaron foron os seguintes: Xosé Ramón Barreiro Fernández, da Real Academia Galega, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, do Seminario de Estudios Galegos, Carlos García Martínez, do Consello Galego de Museos, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e Ramón Yzquierdo perrín, da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Á súa vez, en cumprimento da Lei do CCG, renovaron dous representantes das universidades galegas: José María Barja Pérez, da Universidade da Coruña e Senén Barro Ameneiro, da Universidade de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, tamén renovaron cargo algúns dos membros electos do Pleno: Xosé López García (vicepresidente), Henrique Monteagudo Romero (secretario) e Ramón Máiz Suárez. O Plenario tamén elixiu dous novos membros, previa presentación de candidatura: Maximino Zumalave e Concepción Varela Orol. Dous antigos membros electos, Ramón Castromil Ventureira e Francisco Río Barja, renunciaron a presentar candidatura. CURRICULUM DOS NOVOS MEMBROS Maximino Zumalave é director e pianista compostelán. Principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995). Director Asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Ten dirixido a importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra ou a Sinfónica de Praga, entre moitas outras. O Consello da Xunta de Galicia concedeulle en xuño de 2008 a Medalla Castelao. Concepción Varela Orol é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora na área de Biblioteconomía e Documentación do Departamento de Humanidades da Universidade da Coruña. Foi directora da Biblioteca Universitaria de Santiago. Ten desenvolvido investigacións sobre biblioteconomía, documentación e tamén investigacións sobre o periodo da Ilustración en Galicia, entre outros ámbitos.