----

¿Que é a CELRM?


A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) é un Tratado Internacional impulsado en 1992 polo Consello de Europa e ratificado polas Cortes Xerais españolas en 2001. A Carta busca a protección das linguas “faladas tradicionalmente nun territorio dun Estado por nacionais dese Estado que constitúen un grupo numericamente inferior ao resto da poboación do Estado”. A CELRM é un tratado flexible en canto a que, xunto á adopción dun compromiso de base común de protección das linguas que deberán asumir tódolos Estados ratificantes, tamén ofrece niveis reforzados de protección que podían ser asumidos polos Estados. O Reino de España ratificou a Carta adoptando os compromisos de protección mais elevados que serán aplicables ás “linguas recoñecidas como oficiais nos Estatutos de Autonomía das Comunidades Autónomas do País Vasco, Cataluña, Illes Balears, Galicia, Valenciana e Navarra” e, tamén, a aqueloutras linguas que os Estatutos, sen declaralas oficiais, protexan ou amparen nos seus territorios, como é o caso do galego en Castela-León. A ratificación polas Cortes Xerais convértea nunha norma do ordenamento xurídico interno de obrigado cumprimento coa singularidade que a súa modificación só pode producirse polas canles establecidas no propio texto da Carta o que a fai “invulnerable” aos procedementos lexislativos ou regulamentarios ordinarios que deben aplicar os seus mandatos. Pode descargar a CELRM aquí.