----

Consello da Cultura Galega e Asociación Internacional de Estudos Galegos asinaron un protocolo-marco para realizar actividades en forma conxunta


Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2010.- Os presidentes de Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), Craig Patterson, asinaron hoxe un protocolo-marco de colaboración para realizar actividades e proxectos en forma conxunta. O documento institucionaliza unha colaboración que ven de vello e permite ao CCG un paso mais na súa liña estratéxica de de promoción e difusión da cultura galega no exterior, afirmou Villares. O protocolo asinado menciona, entre outras accións, o desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de todo tipo de actividades académicas e, particularmente, os congresos trianuais da AIEG, o apoio a investigadores estranxeiros, o intercambio de publicacións e proxectos culturais e outras iniciativas consideradas de mútuo interese. Para Ramón Villares trátase de formalizar a colaboraciòn que viñan mantendo o Consello e a Asociación, que en 2009 celebrou o seu IX Congreso Internacional de Estudos Galegos en Santiago de Compostela Vigo e A Coruña. Craig Patterson , que se expresou nun perfecto galego, agradeceu a axuda e a acollida do CCG e falou da necesidade de fortalecer o traballo dunha entidade creada en 1982 e que celebrará o seu X congreso en Cardiff-Gales en setembro de 2012. Patterson é profesor do Departamento de Hispánicas da Universidade de Cardiff. Antes da sinatura a directiva da AIEG celebrou unha xuntanza nas dependencias do Consello. A Asociación Internacional de Estudos Galegos é unha organización internacional académica independente que traballa para o asentamento e a visibilidade dos estudos galegos en todas as disciplinas académicas no mundo. (www.estudosgalegos.org) O DECRETO DO GALEGO A preguntas dos xornalistas, Craig Patterson amosouse moi crítico coas “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo” “polos prexuizos para o galego e polas complicacións que introduce na organización da actividade escolar e porque é un erro ético e filosófico”, dixo. Ramón Villares lembrou que o CCG dará a coñecer a súa posición ao respecto unha vez que se reúna e delibere, próximamente, o Plenario da institución. Pola súa parte, Gonzalo Vázquez Pozo, membro da directiva da AIEG, explicou que a asociación "é a mellor expresión da convivencia de linguas diferentes e da importancia e da universal proxección do idioma galego".

Outras noticias que che poden interesar