NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega suxire que o futuro "Museo das Migracións" podería integrarse na Cidade da Cultura, como ponte Europa-América

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2009.- O “Museo das Migracións” podería integrarse na Cidade da Cultura, entendida como ponte entre Europa e América, reforzada polos fluxos migratorios. Así o ve o informe presentado hoxe polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e defendido polo presidente da institución, Ramón Villares, e polo coordinador das xornadas “A musealización das migracións: experiencias comparadas”, Xosé Manoel Núñez Seixas. As xornadas permitiron coñecer experiencias de Portugal, Arxentina, Brasil, Suecia e Alemaña. A proposta, aberta a outras melloras, busca facer algo últil e positivo co legado migratorio e reforza a idea, en rede, dun centro multifuncional de cabeceira en relación coas mais de cen sociedades galegas en todo o mundo. “Non se trata de pagar débeda histórica algunha, senón de pensar o século XXI a partir deste patrimonio e de acoller positivamente o legado migratorio, referente esencial e transversal da historia e da identidade de Galicia, proxectada tamén na inmensa actividade das comunidades galegas no exterior”, afirmou Ramón Villares. O outro referente importante ten que ver con Compostela e o Camiño de Santiago e esas circunstancias explican a suxerencia da integración do futuro “Museo das Migracións” na Cidade da Cultura, entendida ésta como ponte entre Europa e América co inevitable fío conductor do fenómeno migratorio. Xosé Manoel Núñez Seixas, pola súa parte, referiuse ao museo, partindo da idea do recoñecemento da importancia da migración, elemento transversal e circular na súa configuración de ida e volta, partida e retorno, sen a que non é posible explicar a historia moderna e contemporánea de Galicia. Aludiu asemade á necesidade de favorecer o diálogo cultural e a transnmisión entre xeracións, “integrando e asumindo a nosa identidade transcultural e transnacional”. Non esqueceu a posibilidade de dotar de pluralidade a oferta de turismo cultural en Galicia. Polo que se refire á idea do Museo das Migracións, Nuñez Seixas falou dun centro multifuncional con catro partes diferenciadas: o museo propiamente dito, con exposición permanente e exposicións temporais, un centro de documentación, un núcleo de investigación científica sobre migración e un centro virtual, complementario do espazo físico. ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA “Ven de vello a idea de crear un museo das migracións. Do que agora se trata é reforzar a idea e buscar posibilidades de converxencia para facelo posible, entendéndoo como unha oportunidade”, explicou Ramón Villares, que lembrou o traballo desenvolvido polo Arquivo da Emigración Galega, desde a súa creación en 1992 no Consello da Cultura Galega. Falou dun fondo documental, fotográfico, bibliográfico, hemerográfico e sonoro que reúne o legado de 457 sociedades de emigrantes, sobre todo de Arxentina, trescentas caixas de documentación microfilmada e unas cincocentas publicacións periódicas, entre outros legados. “Velaí o xérmolo do futuro “Museo das Migracións”, concluiu Ramón Villares. O traballo do Arquivo da Emigración Galega, que dirixe o presidente do CCG e catedrático de Historia Contemporánea de Galicia, e os enfoques que desde Galicia están a facerse do fenómeno migratorio foron altamente valorados polos participantes nas xornadas e, nomeadamente, por Fernando Devoto, quen aludíu á súa proxección internacional. CINCO EXPERIENCIAS MUSEOGRÁFICAS O Presidente do Consello da Cultura Galega agradeceu as contribucións dos relatores e asistentes ás xornadas. Nos capítulos de “Teoría e práctica da musealización das migracións”: María Beatriz Rocha-Trindade, da Universidade Aberta, de Lisboa, (Museus de Migraçôes: Abrangência Nacional, Potencialidade Educativa, Acçâo Social) e Fernando Devoto, da Universidade de Bos Aires, (As migracións internacionais entre historia, memoria e patrimonio) e nos “Exemplos de Museos da Emigración en Europa e América”: Ana María Leitâo (O Memorial do Imigrante de Sâo Paulo), Christina Persson (A Casa do Emigrante Sueco en Växjö), Karin Hess (A Casa do Emigrante Alemán de Bremerhaven) e Isabel Ferreira Alves (O Museu da Emigraçâo e das Comunidades de Fafe-Portugal).