----

O desenvolvemento da comunicación e da cultura local contribúe a mellorar as posibilidades económicas e tecnolóxicas, afirmou Pere Oriol Costa


Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2009.- Os concellos deben contribuir á construcción do espazo informativo local, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e tecnolóxico. Pere Oriol Costa, catedrático de Periodismo da Universidade Autónoma de Barcelona, argumentou así a súa intervención hoxe no Foro de debate “A comunicación e a cultura nos ámbitos locais. Estratexia para recuperar, conservar e difundir a cultura nos escenarios de proximidade”, que mañá rematará no Consello da Cultura Galega, organizado polo seu Arquivo de Comunicación, con dúas mesas redondas sobre “Os medios locais e a difusión da cultura”.


<!--more-->Para o profesor catalán non é concebible un  bó goberno local sen unha boa proposta de información local, plural e participativa, dinamizadora da cidadanía no espazo público democrático. Tamén para o desenvolvemento da cultura, a lingua e a identidade, a acción educativa e as políticas de integración. Unha iniciativa máis necesaria en momentos nos que o ámbito local é abandonado polos grandes medios de comunicación, circunstancia aludida tamén polo retrucante, o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación-USC, Xosé Soengas.

Sobre outros aspectos e posibilidades da comunicación abundou a mesa redonda “Iniciativas no mapa público da comunicación local de Galicia”, moderada por Henrique Sanfiz (Radio Fene) e na que interviron: Carlos Fernández, presidente da FEGAMP-Federación Galega de Municipios e Provincias; Socorro Cea, presidenta de EMUGA-Emisoras Municipais Galegas; e os responsables de comunicación da Deputación e do Concello de Pontevedra, Martín Fernández e Antón Prieto, respectivamente. Todos os relatores subliñaron a importancia dos medios locais e, nomeadamente, das emisoras municipais, “necesarias para a vertebración social e a potenciación da lingua e da cultura galegas”, como afirmou Socorro Cea.

Pola súa parte, as catedráticas de Periodismo, María Jesús Casals e Teresa Velázquez, das universidades Complutense de Madrid e Autónoma de Barcelona, respectivamente, falaron da comunicación e a cultura nas sociedades contemporáneas. As relatoras cuestionaron algúns tratamentos da información cultural nos grandes medios de comunicación e mesmo o concepto de cultura en sociedades cada vez máis en rede e máis interdependentes e sometidas ao impacto de cambios importantes e contínuos da man dun novo paradigma da comunicación. Unha análise reforzada coas reflexións de Vicente González Radío, catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña.

Na sesión de hoxe falou tamén Gotzon Toral, profsor na Universidade do País Vasco, que tratouo tema “Emoción e cultura nos medios de proximidade”.


<strong>MÉRCORES, 25</strong>

Ás 10 horas, primeira das dúas mesas redondas sobre “Os medios locais e a difusión da cultura” cos relatorios de: Francesc Triola, Director Xeral de COMRÁDIO-Barcelona, Manuel Chaparro, Director Xeral de Onda Local-Andalucía, Lois Blanco (Grupo Voz) e Xusto López Carril (Radio Galega). Modera: Xosé Ramón Pousa (profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación-USC).

Ás 12 horas, segunda mesa redonda moderada por Xavier Otero (Cadena SER) e coas intervencións de: Germán Castro (Grupo La Capital), Antón Galocha (Gruipo El Progreso), Fernando González Macías (Televisión de Galicia) e Enma Socies, directora de ONA MALLORCA).