OCongreso "Ramón Piñeiro e Galeguismo" analizou o legado do "piñeirismo" lingüístico, filosófico e político-cultural

Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O congreso Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2009.- O legado de Ramón Piñeiro nos campos lingüístico, filosófico, cultural e político foron analizados na primeira xornada do congreso “Ramón Piñeiro e Galeguismo”, por Antón Santamarina, Andrés Torres Queiruga, Ramón Maiz e Xesús Alonso Montero, respectivamente. Todos eles destacaron  a importancia e a influencia dun home que xa tiña fixado o seu discurso esencial nos anos finais da década de 1950. O congreso,organizado pola Real Academia Galega, en colaboración co Consello da Cultura Galega e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, continuará mañá, xoves a partir das 10 horas no salón de actos do CCG, con relatorios centrados na dimensión e na acción cultural.

Antón Santamarina referiuse á especial atención prestada por Piñeiro á lingua e aos estudos filolóxicos e salientou o feito de que a ninguén lle debe tanto Galicia pola súa dedicación á esencial importancia da lingua, “a meirande creación colectiva do pobo”. Expresións como “o idioma galego e o herdo que recibimos dos nosos antepasados” ou “o inimigo da lingua é o noso inimigo”, deberian figurar nalgún frontispicio ben visible, dixo o lingüista, que aludiu a Piñeiro como “figura cartesiana”

Andrés Torres Queiruga falou da proxección filosófica de Piñeiro e configurou a súa idea de galeguizar Galicia na preocupación pola recuperación da conciencia da identidade colectiva e a creación das institucións necesarias para desenvolver na práctica os proxectos desa colectividade. O relator salientou “a fondura das intuicións e a lucidez das análises de Piñeiro, tanto no ámbito histórico e político, como no antropolóxico, literario e filosófico”.

Ramón Maiz sistematizou a súa intervención reflexionando sobre a idea de comunidade, os elementos étnico-culturais, o europeísmo e o galeguismo -sen Partido Galeguista-. Chamou a atención sobre a ruptura que Piñeiro plantexou depurando os elementos que caracterizaban o discurso galeguista desde o séuclo XIX e situando a lingua como elemento clave.

Xesús Alonso Montero, que se definiu como piñeirólogo, falou sobre “Ramón Piñeiro e o marxismo”. Ou sexa, sobre as relacións de Piñeiro con comunistas, marxistas e marxistizantes, e as contradiccións que rodearon esas vivencias por parte de quen se sentía e exercía como anticomunista. “Un anticomunismo, dixo, asumido por todo o grupo fundador da editorial Galaxia, cando menos ata o inicio da década de 1960 e non só por Piñeiro”, a quen se referiu tamén como “un cruzado da liberdade”..

O congreso foi inaugurado cun acto sinxelo no que interviron: Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Francisco Díaz Fierros, coordinador do programa; Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, e Francisco López Barxas, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

XOVES, 19

As reflexións e o coloquio sobre Ramón Piñeiro e a Cultura, serán o tema do xoves, 19 cos relatorios de: Henrique Monteagudo (O concepto de cultura en Piñeiro); Victor Freixanes (O labor editorial); Ramón Villares (Relacións culturais co exterior). Pola tarde, a `paertir das 17 horas, haberá un debate coordinado por Basilio Losada e no que participarán: Marina Mayoral, Xavier Carro e Siro López.

O congreso rematará o venres, día 20.