Anxo M. Lorenzo Suárez, novo secretario xeral de Política Lingüística
15/5/2009
O Goberno galego aprobou onte, 14 de maio de 2009, no Consello da Xunta de Galicia o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística a Anxo M. Lorenzo Suárez.
Anxo Lorenzo é profesor titular da área de Filoloxía Galega e Portuguesa no Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, departamento do que era actualmente o seu director. Tamén dirixiu durante o período 2001-2006 a Área de Normalización Lingüística desta universidade.
Como investigador centrou as súas liñas de traballo no ámbito da sociolingüística galega, a planificación e a política lingüística e mais o contacto lingüístico galego-castelán, sendo autor de diferentes estudos e publicacións relacionados con estas materias.
Como estudoso do ámbito da sociolingüística, Anxo Lorenzo colabora estreitamente co Consello da Cultura Galega, institución da que forma parte como membro da Sección de Comunicación, Lingua, Literatura e Industrias da Edición e mais da Comisión Técnica do CDSG.