----

O Consello da Cultura asinou un convenio coa Fundación Penzol para a dixitalización do legado documental de Ramón Piñeiro

<img src="http://consellodacultura.org/files/2009/09/foto_sinatura_penzol_web1.jpg">

<em>Alfonso Zulueta de Haz e Ramón Villares, primeiro e segundo pola esquerda, asinan o convenio en presenza de María Dolores Cabrera, Henrique Monteagudo e Julio Souto</em>

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2009.- O Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol asinaron hoxe un convenio para organizar, catalogar e dixitalizar os fondos documentais, nomeadamente o epistolario, de Ramón Piñeiro, depositados na Fundación. A sinatura tivo lugar no Consello da Cultura Galega coa participación de Ramón Villares,  Presidente da institución, e Alfonso Zulueta de Haz, Vicepresidente do Padroado da Fundación Penzol, radicada en Vigo. O CCG aportará vinte mil euros e o asesoramento técnico preciso para o traballo, que acometerá persoal da Fundación.


<!--more-->

As investigacións relacionadas coa ordenación, catalogación e dixitalización do legado documental de Ramón Piñeiro desenvolveranse no último trimestre do ano 2009. Trátase de poñer a disposición dos investigadores un legado importante, particularmente na súa extensa e rica dimensión epistolar, para o coñecemento da cultura galega contemporánea. A Fundación entregará ao CCG unha copia, en formato electrónico dos resultados da investigación.

A Fundación Penzol creouse o 7 de abril de 1963 grazas ao legado bibliográfico e documental reunido por Fermín Penzol. O 6 de maio dese mesmo ano inaugurou a súa biblioteca ao servizo de investigadores e estudiosos da historia, o idioma, a literatura e os problemas da realidade cultural e social galega.

O legado de Fermín Penzol foise enriquecendo coas achegas de sobranceiros membros do seu padroado e coas doazóns de particulares e institucións. A Fundación veu desenvolvendo asemade un extraordinario labor de divulgación e extensión cultural a través de exposicións,conferencias, seminarios e publicacións.