----

Alberto Núñez Feijóo: "O Consello da Cultura Galega é unha institución determinante e central para a cultura do país"


Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.- O Consello da Cultura Galega (CCG) culminou o programa de actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) cun solemne acto presidido polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se referiu ao CCG como “unha institución determinante e central para a cultura do país”. A sesión tivo lugar esta tarde no salón de actos da institución e contou tamén coas intervencións de Ramón Villares, Presidente; Alfonso Zulueta de Haz, expresidente; Victor Manuel Vázquez Portomeñe, Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta en 1983, e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, membro do primeiro plenario. A conmemoración dos 25 anos da institución celebrouse baixo o lema CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS, e incluiu diferentes actividades, entre as que destacaron seis foros de debate e unha exposición que está a percorrer as principais cidades de Galicia. 

<!--more-->
O solemne acto que clausurará os actos conmemorativos dos 25 anos do CCG reuniu unhas cento cincuenta persoas e, ademais das intervencións referidas, e a entrega das insignias do Consello aos antigos membros do Plenario, incluiu un recital de violín e piano. Pedro Rodríguez (violín) e Maximino Zumalave (piano) interpretaron “Preludio e allegro”, de Fritz Kreisler e “Romance”, de Andrés Gaos.
O acto contou coa presenza de autoridades e personalidades, entre as que cómpre salientar a: Pilar Rojo, Presidenta do Parlamento; Antón Louro, Delegado do Goberno; Benigno López, Valedor do Pobo; Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo; Carlos Varela, Fiscal-xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Antonio López Díaz, Conselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia; María Teresa Conde Pumpido, Presidenta do Consello Consultivo de Galicia; os ex-Presidentes da Xunta, Gerardo Fernández Albor e Emilio Pérez Touriño, ou José Manuel Balseiro, Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia.