----

"Temos diante paisaxes desancorados do territorio que abrazan o seu novo correlato banal, paisaxes en folga", afirmou o xeógrafo Francesc Muñoz


Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2009.- “A urbanalización constitúese como un proceso absoluto de simplificación urbana, de perda da diversidade e da complexidade que pode e debe conter a cidade  e por eso é urxente propoñer un urbanismo urbano e non urbanal”. O xeógrafo Francesc Muñoz explicou así o proceso “Urbanalización. Paisaxes comúns, lugares globais” na súa intervención na xornada “Arte + espazo público”, organizada pola Sección de “Creación e artes visuais contemporáneas” e celebrada esta tarde no Consello da Cultura Galega.


<!--more-->

A paisaxe sempre foi entendida como o resultado da relación que as sociedades humanas establecen co seu medio, como a construción cultural do seu entorno. Sen embargo, sostén Francesc Muñoz, o proceso global de urbanización e a progresiva extensión da cidade no espazo, fan que teñamos cada vez máis dificultade para apreciar contidos de identidade ou vernáculos propios dos lugares a través das súas paisaxes, que se nos amosan precisamente máis a partir do semellante e xenérico que do singular e específico. O denominador común do metropolitano, nuns casos, ou as transformacións aceleradas no territorio, noutros, fan que a paisaxe deixe de representar permanencias históricas ou culturais para amosar panorámicas líquidas que axiña desaparecerán substituídas por outras novas.

Cidades distintas -con historia e cultura diversas, de poboación e extensión nada comparabeis, e localizadas en lugares moi diferentes do planeta- experimentan transformacións moi semellantes e acaban producindo un tipo de paisaxe estandarizada e común. A mesma impresión nos produce visitar centros históricos ou frentes marítimas en calquera cidade europea que conducir por calquera autopista a través de rexións metropolitanas extendidas cara os catro pontos cardinais: unha paisaxe repetida e reincidente aparece diante dos nosos ollos que van fiando retallos de territorio cortados por un mesmo patrón nun mesmo relato visual.

Unha paisaxe que se define pola súa ambigua ubicuidade, unha urbanizaciòn banal no sentido de que se pode repetir e replicar en lugares diferentes con relativa independencia do locus concreto. Máis que de urbanización podemos falar, xa que logo, de urbanalización. Máis que de enraizamento cabe falar máis propiamente de indiFerencia da paisaxe cara o lugar. As paisaxes son así reproducidas independentemente do lugar porque xa non teñen obriga algunha de representalo nin de significalo. Son paisaxes desancorados do territorio que van dimitindo do seu cometido e abrazando o seu novo correlato urbanal. Son paisaxes en folga.

FRANCESC MUÑOZ
Francesc Muñoz é doutor en Xeografía e profesor na Universitat
Autònoma de Barcelona (UAB). Especializouse en urbanismo, paisaxe, planificación urbana e deseño de estratexias territoriais. Participou como experto en misións do Consello de Europa referidas a esas cuestións e foi profesor invitado en universidades estranxeiras, en Francia, Italia, Eslovenia, Portugal ou Reino Unido, onde publicou textos sobre a transformación das paisaxes urbanas e metropolitanas. O seu último traballo é o libro urBANALización: Paisajes Comunes, Lugares Globales (Gustavo Gili,Barcelona, 2008). Actualmente dirixe o Observatorio da Urbanización e o programa de máster en Intervención e Xestión da Paisaxe da UAB.