----

Inaugúrase en Lugo a exposición "Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega 1983-2008"

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2009.- A exposición itinerante e interactiva “Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega, 1983.-2008” será inaugurada o mércores, día 10 de xuño ás 20 horas no Pazo de San Marcos-Deputación Provincial de Lugo. Intervirán: O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao; o Director Territorial de Caixanova para A Coruña e Lugo, Manuel García Miñaca, e  Henrique Monteagudo, en representación dos comisarios.


<!--more-->A mostra, realizada en colaboración con Caixanova, formou parte do programa de actos organizados polo CCG para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008). Con anterioridade a puido verse en Vigo, Pontevedra, Ferrol e Ourense. En Lugo estará ata o 19 de xullo.

Estructurada arredor das denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición “Galicia 25. Unha cultura para u novo século” abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.
A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, “non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega”, afirma Ramón Villares, Presidente do CCG, que tamén salienta o que que cualifica como “excepcional exemplo de cooperación por parte da iniciativa privada e das institucións públicas”. Unha idea do Consello da Cultura Galega, acollida e apoiada por Caixanova, que contou tamén coas contribucións da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura. Villares destaca a importancia e a significación da cultura “como elemento sustancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía”.
Para Victor F. Freixanes, comisario da exposición, xunto con Iago Seara e Henrique Monteagudo, “Galicia 25. Unha cultura para un novo século” é “un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos”.
A exposición poderá contemplarse en Lugo ata o 19 de xullo.

Horarios:
De luns a venres: de 10:30 a 14 horas e de 16:30 a 20:30 horas.
Sábados: de 10:30 a 14 horas e de 16:30 a 20 horas.
Domingos: de 11 a 14 horas.