----

O Consello da Cultura Galega finalizou hoxe as Xornadas “A memoria dixital nos procesos de divulgación cultural”


Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2010.-  Con reflexións sobre a conveniencia da regulación e a autorregulación das industrias culturais e a necesidade de políticas activas de comunicación que fagan visible a diversidade, finalizaron hoxe no Consello da Cultura Galega as Xornadas "A memoria dixital nos procesos de divulgación cultural", organizadas polo Arquivo de Comunicación e nas que participaron eexpertos en comunicación procedentes de varias universidades españolas.<!--more-->

Na derradeira sesión José Luís Piñuel (Universidade Complutense de Madrid) falou das ""Tendencias nos consumos culturais nas sociedades actuais" con especial referencia ás redes sociais, a súa interactividade, a construcción das "marcas" persoais e as web-series.

Juan Benavides, tamén da Complutense, prestou atención á necesidade da regulación e da autorregulación das industrias culturais e á función da ética fronte á deontoloxía. Falou da publicidade como cultura de fluxo e da "dimensión profundamente publicitaria que ten hoxe en España a comunicación política". Advertiu da homoxeneidade como resultado da concentración de medios.

José Manuel de Pablos (Universidade de La Laguna), co relatorio "Fronteiras interculturais na comunicación dixital", centrouse na analise do impacto das revistas dixitais e nas súas vantaxes con respecto ás publicacións en soporte papel.

Finalmente, Francisco Sierra (Universidade de Sevilla) reflexionou sobre "Memoria, comunicación e desenvolvemento cultural: programas nacionais e internacionais" para lembrar que as políticas da memoria plantexan o problema da xestión do coñecemento. Reivindicou políticas de comunicación activas para facer posible e visible a diversidade cultural.

A REDE ABERTA DE INTERNET

A información é inseparable da súa organización e da maneira de almacenala e iso reclama unha especial atención á xestión da rede aberta de Internet, particularmente desde as culturas minoritarias e desde as institucións públicas. Foi unha das conclusións da primeira sesión das Xornadas. 

Emilio Prado (Universidade Autónoma-Barcelona-UAB),  que describiu a nova cartografía audiovisual, insistiu especialmente nos desafíos que plantexan os novos sistemas de acceso global, aberto ou condicionado, e na importancia dos indexadores de contidos nesa "nube" ou gran almacén universal. No seu relatorio “Medios dixitais, bases de datos e divulgación cultural” defendeu o papel, que estimou fundamental, das institucións públicas na producción cultural e na garantía de acceso da cidadanía aos productos das industrias culturais.

Rosario Lacalle (UAB), que falou de “Texto, contexto e hierptexto nas mensaxes na rede”, aludiu ás dificultades para controlar a dimensión do "gran almacén" e ao novo modelo económico e de xestión que traerá consigo. Falou tamén da necesidade de educación e aprendizaxe para un mellorar as novas posiblidades de acceso e manexo dos recursos tecnolóxicos.

Abundou nesa reflexión Rosa Franquet (UAB) ao referirse a “Novas ferramentas para construir e difundir mensaxes culturais”. Referiuse ao condicionamento da información a través da organización e do almacenamento nun entorno informático compartido e advertiu do perigo que supoñería deixar en mans alleas esa memoria colectiva. Do risco de "alienación cultural".  Luís A. Albornoz (Universidade Carlos III-Madrid) desenvolveu o relatorio  “Os procesos de reorganización e dixitalización nas industrias culturais”.

A coordinación das Xornadas estivo ao cargo de Xosé López García, director do Arquivo de Comunicación, e Rosa Aneiros, que contaron no comité organizador cos profesores Xosé Rúas e Antonio Sanjuán.