----

Presentado en Pontevedra o Concerto “Día das Letras Galegas”, organizado polo Consello da Cultura Galega coa Real Filharmonía de Galicia

O Consello da Cultura Galega organizará o seu segundo concerto “Día das Letras Galegas” no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estrearanse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán. A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. O concerto foi presentado hoxe nunha conferencia de prensa polo Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o director da orquestra Maximino Zumalave. O Alcalde Lores agradeceu a oportunidade de Pontevedra acoller a segunda edición deste concerto. Villares lembrou a feliz coincidencia de ser a cidade o lugar natal de Valentín Paz Andrade e contar cunha destacada traxectoria musical e coral. Maximino Zumalave aludiu á importante significación da música na vida social e cultural dos pobos.
Presentado en Pontevedra o Concerto “Día das Letras Galegas”, organizado polo Consello da Cultura Galega coa Real Filharmonía de Galicia

Máis de cen cantores 3 corenta músicos ocuparán o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra nun concerto que homenaxeará a lírica e a música galegas. O programa ofrecerá dúas “Cancións xacobeas” (“Maria Soliña” e “Moi lonxe”) compostas por Antón García Abril sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979). Seguiralle a “Cantata das cantigas” creada por Roxelio Groba en 2007, partindo de poemas populares do libro “Antífona da cantiga”, de Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) e rematará co “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade. Esta partitura, que inclúe o recitado polo actor Xosé Barato, foi composta, a pedimento do Consello da Cultura Galega, expresamente para este concerto por Juan Durán en homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987), figura senlleira escollida este ano pola Real Academia Galega para a celebración do Día das Letras Galegas.

O Plenario do Consello da Cultura Galega decidiu en 2011 organizar anualmente un concerto conmemorativo do Día das Letras Galegas. O primeiro tivo lugar o 17 de maio dese ano e celebrouse na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Nesta segunda edición a primeira institución cultural de Galicia conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e o Consorcio de Santiago de Compostela.