Ramón Villares aludiu a Valentín Paz Andrade como "un exemplo de intelectual moderno" e unha figura que se verá agrandada logo da súa divulgación e estudo como referente do Día das Letras Galegas-2012. "Estamos diante dun home que pensou o mundo desde Galicia e de quen recoñecemos as grandes achegas non só no campo da economía, nomeadamente da pesca, senón tamén no xornalismo e na literatura, con acaídos exemplos no ensaio e na literatura", dixo Villares.
A respecto do poemario "Canto do pobo disperso", o presidente do Consello da Cultura Galega subliñou a especial dimensión da interpretación de Galicia como un país de emigración: "a inserción positiva e mesmo heróica da epopea da emigración galega no conxunto da historia da humanidade".
Unha visión da emigración que definiu como "épica e co pobo como protagonista" Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG e directora do Instituto da Lingua Galega, que louvou o traballo da edición do poemario, o estudo introdutorio e as notas enriquecedoras, obra de María Xersús Lama, profesora da Universidade de Barcelona.
EN CLAVE GALEGA
Alfonso Paz-Andrade, pola súa parte, chamou a atención sobre o feito de seu pai "ter actuado sempre en clave galega e mantendo unha liña de coherencia entre o seu pensamento e a súa acción".
"Estou tendo este ano a sensación de que levo toda a vida falando de Valentín Paz Andrade e ao mesmo tempo teño a convicción de non repetirme falando dun home que traballou pola recuperación de Galicia, pola defensa irrenunciable da súa lingua, da súa autonomía e da súa proxeción internacional, xa desde 1930".
Alfonso Paz-Andrade reivindicou a vixencia do pensamento do seu pai, "nomeadamente cando no escenario dunha crise económica, social e cultural tan forte en Galicia, aparece novamente a necesidade de emigrar". Lembrou e agradeceu a decisión do Consello da Cultura Galega de dixitalizar o fondo documental do autor de "Galicia como tarea" e recordou a existencia de materiais profesionais dispersos, traballos fundamentalmente de dimensión económica do seu pai, en diferentes países e universidades do continente americano.