----

Concluíron as xornadas sobre as boas prácticas na conservación e protección do Patrimonio Cultural Material-Inmaterial Galego

A reflexión sobre o valor crítico dos Bens Culturais e a súa formulación, conservación e protección orientou as dúas xornadas de debate que sobre o patrimonio cultural galego convocou os días 11 e 15 de maio o Consello da Cultura Galega, en sesións de mañá e tarde. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara Morales, as xornadas reuniron expertos de Galicia, Andalucía, Aragón, Madrid e Valencia e continuaron outros encontros que sobre esta temática acolleu o Consello da Cultura en 2008 e 2011. As xornadas reclamaron un inventario oficial do patrimonio e subliñaron a necesidade de non separar o inmaterial do material, "caras dun mesmo poliedro", en expresió do profesor Marcial Gondar.

A primeira xornada centrouse no tema “A autenticidade e as boas prácticas na conservación do patrimonio cultural: os inventarios e catálogos, instrumentos para a conservación e protección do patrimonio cultural galego”. Falouse moito da conveniencia de considerar a sensibilidade social nesta materia sen descoidar a importancia da imprescindible regulación administrativa e o desempeño e o compromiso dos profesionais.

Interviron: María García Alén, restauradora; Román Fernández-Baca Casares, director do Instituto Andaluz del Patrimonio Histórico; Gonzalo Borrás Gualis, catedrático emérito de Historia da Arte na Universidad de Zaragoza; Silvia Fernández Cacho, xefa do Centro de Documentación e Estudos do Instituto Andaluz del Patrimonio Histórico; e María Diz e Ignacio Cerrada, Subdirectora Xeral de protección do patrimonio cultural e Xefe do Servizo de planemanento e inventario da Xunta de Galicia, respectivamente.

O PATRIMONIO CULTURAL ESPIRITUAL

O 15 de maio, o debate versou sobre “O patrimonio cultural espiritual: unha posición entre o patrimonio inmaterial e o patrimonio material”. O profesor Marcial Gondar chamou a atención sobre o feito de que inmaterial e material son relacións que deben ser debidamente contexualizadas e aludiu ao concepto de patrimonio como estratexia. "Unha estratexia como a da identidade, que conxuntamente forman unha unidade complexa", argumentou. As sesións serviron tamén para coñecer o Atlas do Patrimonio Inmaterial Andaluz, iniciado en 2008 e que presentou a súa coordinadora Gema Carrerra.

Interviron: Iago Seara Morales, coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Marcial Gondar, catedrático de Antropoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; María Pía Timón Tiemblo, coordinadora do Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (Instituto do Patrimonio Cultural de España); Luís Pablo Martínez, coordinador das candidaturas UNESCO do Palmerar d´Elx e da Festa o Misteri d´Elx; Tomás Rodríguez Fernández, arqueólogo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e Gema Carrera Díaz, coordinadora do Atlas do Patrimonio Inmaterial Andaluz. Manuel Vilar moderou a mesa redonda que cerrou as xornadas.

As xornadas foron inauguradas polo presidente do CCG, Ramón Villares, acompañado polo Director Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Rey Pichel, e por Iago Seara.