----

"O cotián é o problema central da sociedade de masas e entra na ciencia social como a gran categoría ordenadora", afirma Blanca Muñoz

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2009.- “O cotián é o problema central da sociedade de masas e entra na ciencia social como a gran categoría ordenadora”, afirmou Blanca Muñoz, profesora titular da Universidade Carlos III de Madrid, na súa intervención no seminario interdisciplinar “O(s) sentido(s) da(s) Cultura(s), no que falou do tema “A Escola de Birmingham: a sintaxe do cotián como producción social da conciencia”. A conferenciante, autora de libros como “Modelos culturales. Teoría sociopolítica de la Cultura” e con numerosos estudos e artigos sobre a ideoloxía, a cultura e o coñecemento colectivo na sociedade contemporánea, fixo un percorrido polo pasado e o presente das teorías sobre a cultura.


<!--more-->

Blanca Muñoz recordou a renuncia intelectual ao modelo explicativo da gran teoría, visible desde a década dos anos 70 do século pasado nun proceso que describiu como o retorno ao intersubxectivo dos etnometodólogos norteamericanos, os fenomenólogos ou os neoculturalistas, coas súas análises microsociolóxicas. Tamén coa substitución da explicación pola descrición, a estrutura pola acción e a Historia pola Antropoloxía. “Nestas condicións, determinados conceptos vólvense tabúes e entre eles ningún é tan representativo como o estudio do social desde o concepto de clase e os seus procesos relacionados. É lóxica a omisión da posición de clase en modelos teóricos funcionalistas, neofuncionalistas, etnometodolóxicos e, desde logo, nas exposicións ensaísticas da post-modernidade”. Ainda que resulta sorprendente en plantexamentos que se sitúan na investigación histórico-social do paradigma dialéctico e, concretamente, na lóxica histórica herdada de Marx.


 IDEOLOXIZACIÓN ANTI-IDEOLÓXICA

En todo caso, unha reestruturación dialéctica do concepto do cotián require voltar ao sentido forte de existencia, que se encontra na primeira Teoría Cultural da Escola de Frankfurt  (Adorno) e actualmente nalgúns estruturalismos, como é o caso de Bourdieu, que concibe as prácticas culturais en función do habitus e campo das diferentes formas de distinción das clases sociais. Haberá que considerar a interrelación entre a existencia, o cotián e a lóxica da dominación colectiva. “Baixo o imperio da tecnificación manipulada, a cousificación da vida diaria convértese no feito máis carácterístico da sociedade de masas. Deste xeito, a poboación recoñécese nos seus obxectos, nos productos comerciais, na súa marca de automobil e de televisor. Chégase a unha ideoloxicación anti-ideolóxica; é dicir, a ideoloxía faise patente a partir de estruturas comunicativas que funcionan xa como institucións de difusión de valores, símbolos e actitudes cada vez máis alonxados da análise causal que foi o fundamento da conducta racional”.

 
Para Blanca Muñoz “unha reconstrucción dialéctica da Teoría Cultural que non queira ser pura abstracción nin tampouco descriptivismo anecdótico, deberá articular unha reconstrucción das novas formas da racionalidade instrumental no proceso de subxetivación irracional do coñecemento colectivo. Os procesos cousificadores do coñecemento e da existencia -económicos, políticos, comunicativos- deben ser considerados como a temática central desde a que establecer unha crítica cultural que non perda de vista as súas reponsabilidades históricas”.

En calquera caso, a tensión da análise cultural que non queira ser antropoloxía de costumes ou ideoloxía de explotación de clases e de grupos “ten que recobrar o significado de resistencia fronte á dominación da primeira Escola de Birmingham e de dialéctica negativa da inicial Escola de Frankfurt”.

Para a conferenciante “a reconstrucción dunha existencia non vaciada -polo cotián repetitivamente planificado-convértese na única garantía de que, por fin, as múltiples dimensións da realidade sexan creadas por individuos activos cunha conciencia non alterada polo interese das minorías que tratan de relegar o significado histórico permanente que a cultura ten de civilización obxectiva e xenérica da especie”. A cuestión hoxe é como reconstruir a teoría culturalista, a reconstrucción da razón, particular empeño de Habermas. De aí que Blanca Muñoz concluíse dicindo que nesa mediación entre civilización, individuo e sociedade “estaría a concepción orixinaria e contemporánea do Materialismo Cultural”.


  O 28 DE ABRIL, SÁNCHEZ RON

O seminario, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Maiz, contará o vindeiro 28 de abril coa presenza do físico José Manuel Sánchez Ron.