----

O CCG presentou a aplicación web "Mapa de equipamentos culturais de Galicia" e o informe "Ocio e hábitos culturais dos galegos"

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2009.- O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o MAPA DE EQUIPAMENTOS CULTURAIS DE GALICIA, unha aplicación web que permite buscas por equipamento, localización e servizos, a través de <a href="http://www.consellodacultura.org/">www.consellodacultura.org</a> e <a href="http://www.culturagalega.org/">www.culturagalega.org</a> e o informe OCIO E HÁBITOS CULTURAIS DOS GALEGOS, elaborado en colaboraciòn coa Consellería de Cultura e Deporte e o Instituto Galego de Estatística. Trátase de dúas novas contribucións do Observatorio da Cultura Galega, unidade creada no CCG para recompilar e publicar fontes e datos estatísticos en materia cultural. O acto foi presidido por Ramón Villares, Presidente do CCG, acompañado por Hakan Casares, coordinador do Observatorio, e Manuel Gago, director do portal <a href="http://www.culturagalega.org/">www.culturagalega.org</a>. Villares salientou o feito de que estas iniciativas son parte da elaboración do Mapa Cultural de Galicia.


<!--more-->
O Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia é unha representación gráfica dunha operación censal de equipamentos e infraestruturas culturais no territorio galego. A información está dirixida principalmente a programadores culturais, promotores e artistas pero resulta tamén de utilidade para o público en xeral.  A aplicación foi desenvolvida coa colaboración de Obradoiro de Socioloxía e Sixtema.

As buscas permiten localizar palacios de exposicións e congresos, aulas, salas de reunións, seminarios, salas de ensaio e obradoiros, arquivos, museos, centros de interpretación, galerías de arte, salas de exposicións, salóns polivalentes ou de usos múltiples, cines, auditorios, centros culturais e centros sociais, entre outros. Aparecen tamén as características máis relevantes, como o aforo, superficie, existencia de determinados servizos como acceso a internet sen fíos, amplificación de son ou proxector de vídeo, por exemplo. Tamén é posible listar os equipamentos dunha provincia, comarca ou concello.

Os obxectivos do Mapa consisten en elaborar e manter un conxunto organizado de información sobre infraestruturas culturais en Galicia, proporcionar un marco de referencia para a realización de enquisas de mostraxe e elevación de datos e satisfacer a demanda externa de información sobre os infraestruturas culturais, subministrando datos básicos de identificación e clasificación, normalizados por territorio, actividade e características relevantes para a programación de actividades culturais.

A aplicación posibilita buscas por tipo de equipamento, localización e servizos que ofrecen os equipamentos. Os resultados son visibles no mapa, polo que tamén é posible unha navegación sobre o mesmo, coas ferramentas habituais para este tipo de representacións.

Este proxecto é froito dunha colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. O traballo está coordinado polo Observatorio da Cultura Galega.

OCIO E CULTURA

No mesmo acto deuse a coñecer o “Informe sobre ocio e hábitos culturais dos galegos”, tendo en conta a contribución da “Enquisa de condicións de vida das familias” e as variables de idade, sexo, situación xeográfica, nivel de ingresos e nivel de estudos.

A conclusión principal deixa ver que en Galicia poden establecerse algúns patróns de hábitos e consumo cultural directamente relacionados coas condicións socioeconómicas e demográficas.

Polo que se refire á idade, os menores de 30 anos son os que mais compromiso amosan coa participación e coa práctica de actividades culturais e deportivas. Porén ven menos a televisión e len menos xornais que  os maiores. Mais do 90 por cento da xente nova aposta pola música cando sintoniza a radio e un 42 por cento prefire as publicacións de animación e tira cómica no canto das noticias e os deportes. Manéxanse tamén preferentemente co DVD e o vídeo, soportes que non utiliza nunca mais da metade da poboación maior de 30 anos.

O informe explicita que son as mulleres as mais lectoras de libros, pero non de xornais, e asisten en maior número que os varóns a concertos, teatro, cine, museos, exposicións, etc. Os homes, pola contra, prestan moita mais atención aos espectáculoss ou eventos deportivos.

O estudio permite tamén descubrir diferenzas nos hábitos e comportamentos entre os habitantes das cidades e os das zonas rurais. Os primeiros asisten en maior número aos eventos culturais, xa que dispoñen de mais e mellores equipamentos e ofertas.. Debe terse en conta que os núcleos menores de dez mil habitantes presentan significativas deficiencias cuantitativas e cualitativas en materia cultural. Se falamos da asistencia ao cinema, vemos un 40 por cento nas áreas urbanas, que cae a pouco mais do 10 por cento nos núcleos rurais. Esas procentaxes serven tamén para contrapoñer os índices de lectura entre as cidades e o medio rural, nomeadamente a Galicia interior. O único indicador salientable no mundo rural, como tamén entre a poboación de mais idade das áreas urbanas e o altísimo consumo televisivo.

Por outra parte, os niveis de ingresos teñen tamén particular influencia nos hábitos culturais. Máis da metade dos galegos con ingresos inferiores a 600 euros mensuais non asisten nunca a espectáculos e eventos culturais ou posúen menos de 10 libros no seu fogar. O mesmo sucede coa lectura de xornais e revistas, unha práctica que medra cos maiores niveis de ingresos. Aparece así unha diferenza de máis de 20 puntos porcentuais entre os mileuristas galegos e os que cobran máis de 2.000 euros mensuais (21% fronte ao 43%).

Algo semellante sucede co nivel de estudos. A maior nivel, maior dedicación ás actividades culturais. Hai unha excepción no tocante á lectura de libros, mais alta entre as persoas sen estudos superiores, aínda que non sucede o mesmo cando se trata de utilizar os servizos das bibliotecas.