NOTICIA

----

As Xornadas de debate sobre “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia”, organizadas polo Consello da Cultura Galega e o IGADI, salientan a necesidade dunha estratexia común

A necesidade dunha estratexia común e a fixación de prioridades para a proxección de Galicia foi unha das conclusións da primeira sesión das xornadas sobre “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia” iniciadas hoxe na Illa de San Simón, organizadas polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Instituto Galego do Análise e Documentación Internacional (IGADI). Os obxectivos do encontro son a reflexión e o intercambio de ideas a propósito das estratexias a aplicar para promover unha diplomacia cultural galega. No acto inaugural participou Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que apostou pola potenciación da imaxe de marca de Galicia e o fortalecemento das redes no exterior. As sesións concluirán hoxe venres a primeira hora da tarde. As sesións poden seguirse vía streaming en: www.consellodacultura.org

O programa abriuse cos relatorios “A Cultura, recurso extratéxico da política exterior” de Flavio Wolf de Aguiar, profesor emérito da Universidade de Sao Paulo e profesor da Universidade Libre de Berlín, e Manuel Martínez Justo, presidente da Asociación Mexicana de Estudios Internacionales, sobre “Os gobernos locais e a promoción exterior da identidade. O caso da emigración mexicana en Estados Unidos”.

Pola tarde reflexionaron sobre “A proxección da cultura galega: políticas, actores, escenarios” Xulio Ríos, director do IGADI; Xosé Ballesteros, director de “Kalandraka”, e Manuel Blanco, membro da Comisión de Acción Exterior do CCG, moderados por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

Para o venres 8 de xuño quedan outros dous relatorios e a presentación das conclusións.

Ás 10 horas Edgar Montiel (UNESCO)falará sobre “Conceptos y prácticas de diplomacia cultural. Un recurso de política exterior para la era global”.

Ás 12 horas, Alfons Martinell Sempere, Director da Cátedra UNESCO, disertará sobre “Políticas Culturais e Cooperación” e profesor titular da Universidade de Girona, falará de “Política cultural e diplomacia pública”.