Robert G. Picard expresou a súa convcción de que os desafíos do xornalismo e das empresas informativas do século XXI “non están simplemente relacionados coa creación de valor para os consumidores, senón tamén coa creación de valor para cidadáns e sociedade e eso supón salientar novamente a información que axuda nas vidas das persoas, fortalecéndoas como cidadáns e axudándolles a participar e a implicárense socialmente”. Claro que ese obxectivo deberá plantexarse desde a reducción de costes por parte das empresas, “reducindo ou eliminando algúns costes que foron pensados para servir a consumidores que non estaban interesados nas noticias pero eran necesarios para atraer audiencias masivas para os anunciantes”
Picard, que foi presentado e traducido polo xornalista, profesor de xornalismo na USC e director do portal cultural www.culturagalega.org, Manuel Gago, amosouse optimista a respecto da necesidade do xornalismo e desde ese convencemento subliñou as recomendacións de especialización, a atención aos entornos e a procura de novas formas de operar e cooperar buscando parcerías para conseguir que o xornalismo siga sendo relevante no século XXI.
Nesas ideas insistiu tamén Paulo Faustino, presentado por Xosé Pereira, Decano da Faucltade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O editor de Robert G. Picard en Portugal afirmou que as políticas públicas deberán considerar dun xeito equilibrado os modelos de negocio e de financiamento, as necesarias regulacións e as estratexias de crecemento. “Situarémonos nun escenario no que se apostará máis polos proxectos que polas empresas”, afirmou.