NOTICIA

----

Robert Picard, director do Reuters Institut de Oxford, aposta polo futuro das empresas informativas con menos ingresos e contidos segmentados

As empresas informativas teñen futuro, pero remataron os días dos mercados masivos e dos grandes beneficios publicitarios, polo que deberán vivir con menos ingresos e ofrecer contidos máis claramente segmentados. É a visión de Robert G. Picard, director do Reuters Institut da Universidade de Oxford (Inglaterra), que esta mañá participou no Conselllo da Cultura Galega nun seminario sobre “A reorganización da industria mediática e as políticas de incentivos no escenario europeo” xunto con Paulo Faustino, profesor da Universidade de Porto (Portugal) e editor do seu libro “A creación de valor e o futuro das empresas informativas”. A sesión á que asistiron corenta estudiosos e expertos, foi inaguurada por Ramón Villares, presidente do Consello dacutlura Galega, e Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, quen apostou por axudar a buscar saídas ás transformacións tecnolóxicas e do modelo de negocio “preservando a sostibilidade da función social da información”.

Robert G. Picard expresou a súa convcción de que os desafíos do xornalismo e das empresas informativas do século XXI “non están simplemente relacionados coa creación de valor para os consumidores, senón tamén coa creación de valor para cidadáns e sociedade e eso supón salientar novamente a información que axuda nas vidas das persoas, fortalecéndoas como cidadáns e axudándolles a participar e a implicárense socialmente”. Claro que ese obxectivo deberá plantexarse desde a reducción de costes por parte das empresas, “reducindo ou eliminando algúns costes que foron pensados para servir a consumidores que non estaban interesados nas noticias pero eran necesarios para atraer audiencias masivas para os anunciantes”

Picard, que foi presentado e traducido polo xornalista, profesor de xornalismo na USC e director do portal cultural www.culturagalega.org, Manuel Gago, amosouse optimista a respecto da necesidade do xornalismo e desde ese convencemento subliñou as recomendacións de especialización, a atención aos entornos e a procura de novas formas de operar e cooperar buscando parcerías para conseguir que o xornalismo siga sendo relevante no século XXI.

Nesas ideas insistiu tamén Paulo Faustino, presentado por Xosé Pereira, Decano da Faucltade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O editor de Robert G. Picard en Portugal afirmou que as políticas públicas deberán considerar dun xeito equilibrado os modelos de negocio e de financiamento, as necesarias regulacións e as estratexias de crecemento. “Situarémonos nun escenario no que se apostará máis polos proxectos que polas empresas”, afirmou.